10 anos de Banca Ética en Galicia
O pasado 19 de febreiro, as entidades e as persoas socias de Fiare Banca Etica en Galicia, entre as que se atopa Solidariedade Internacional de Galicia, celebramos e compartimos un pequeno sono feito realidade: o décimo aniversario do inicio das operacións con autorización bancaria en España.
O acto tivo lugar nos cines NUMAX de Santiago, coa proxección aberta ao público do vídeo-documental “O banco que se creou sen cartos”, unha produción que mostra os diferentes fitos acadados como cooperativa bancaria de finanzas éticas ao longo destes dez anos de historia.
Pero todo comezou moito antes, cando algunhas persoas preguntabámonos qué tipo de sociedade se estaba a construír cos nosos cartos e reunímonos arredor da idea «COS MEUS CARTOS, NON». Comezou entón un proceso de reflexión colectiva e de aprendizaxe doutras experiencias, para concluír que o diñeiro tiña capacidade de transformación social se se invertía en harmonía cos valores de quen o xestionaba.
Esta iniciativa permitiu a creación de instrumentos de finanzas éticas e, finalmente, xunto coas entidades do terceiro sector, a economía social e solidaria e o movemento asociativo creouse Fiare Banca Etica, que forma parte do Grupo Banca Popolare Etica. O que caracteriza esta cooperativa bancaria é a súa aposta por criterios éticos, que impregnan toda a súa actividade, como a transparencia, xa que é un dos poucos bancos do mundo que fai públicas as súas financiacións; e a participación dos socios da cooperativa.
Por iso, Fiare Banca Etica está xunto ás organizacións que salvan vidas, apoiando a entidades que traballan incansablemente para paliar as inxustizas sociais e mellorar as condicións de vida das persoas máis vulnerables, e participando en proxectos que fomenten a sustentabilidade e a rexeneración do planeta xunto coas organizacións da economía social. De aí a importancia de construír redes fortes e establecer alianzas con organizacións que compartan os seus principios e valores.
En consonancia co anterior, en Galicia durante o 2023 e 2024 finaciáronse proxectos con valor de más de 7 millóns euros que están relacionados coa economía social, como vivendas cooperativas de cesión de uso, así como a cooperación internacional e o movemento asociativo. Todos eles contribúen a mellorar as condicións de vida das persoas poñendo ás persoas e ao planeta no centro da actividade bancaria.
Ademáis, Fiare Banca Etica, en Galicia, conta con máis de 290 persoas socias da cooperativa e xestiona un aforro de seis millóns e medio de euros, só na rexión.
Durante a xornada, inaugurouse a nova sala co nome de «Cachi Villalba», nas oficinas compartidas xunto con EspazoCoop, a Coordinadora de ONGD de Galicia e EAPN Galiza, un novo espazo para a economía social galega situado en Santiago.