20 anos da Tenda de Comercio Xusto A Coruña
Pasaron xa 20 anos dende que abriramos aquela primeira tenda de Comercio Xusto na rúa Orzán da Coruña.
Naquel momento tiñamos máis ilusión que certezas, non sabiamos canto duraría nin que obstáculos atopariamos polo camiño e o certo é que non foron poucos; mudanzas, crises económicas, o decaemento do pequeno comercio…momentos difíciles nos que non sabiamos se seríamos quen de continuar. Pero sempre houbo algo —ou mellor dito, alguén— que nos mantivo en pé: as persoas produtoras do Sur Global e todas as persoas que, dende a cidade, a facían posible cada día.
Ao longo destes anos, 57 persoas voluntarias e membros do equipo puxeron tempo, cariño e compromiso para manter aberta esta pequena xanela ao mundo, pero iso non sería suficiente sen cada unha das persoas que entraron pola porta, que fixeron unha compra, que trouxeron a un familiar, que adicaron dous minutos a preguntar, a escoitar, a comentar, a apoiar.
Cada produto que temos na tenda é moito máis ca un artigo, é unha historia de dignidade, de traballo en condicións xustas e de comunidades que poden saír adiante grazas ao apoio de moitas de nós. Moitas veces pensamos que os grandes cambios nacen de grandes accións. Pero aquí aprendemos que os cambios nacen de xestos pequenos, cotiáns, que sosteñen procesos de transformación real.

Deterse diante dun escaparate, recomendar un café, regalar unha peza de artesanía, contar quen está detrás de cada produto… ese tipo de cousas, que parecen pequenas, fixeron posible que hoxe sigamos na Coruña. E grazas a elas, melloráronse as condicións de vida de milleiros de produtores e produtoras en África, Asia e América Latina.
Hoxe, mirando cara atrás, é imposible non sentir orgullo. Pero, sobre todo, é imposible non sentir gratitude. Gratitude por vinte anos de confianza, por vinte anos de apoio, por vinte anos nos que esta tenda se converteu nun lugar onde a xente non só vén mercar, vén coidar, apoiar, transformar e loitar.
Porque si, o Comercio Xusto tamén é unha forma de loita. Loita contra a inxustiza, contra a explotación, loita por poñer a vida —e non o beneficio— no centro.
Esta historia non é a dunha tenda, esta historia é dunha comunidade. E por iso, este aniversario non é só noso: é teu, é voso, é de todas as persoas que cren nun mundo máis xusto e máis humano. Imos seguir camiñando xuntas e xuntos. Con ilusión, con compromiso, con esperanza… e con moita forza.
A continuación, un pequeno agasallo para todas aquelas persoas que fixeron e fan posible cada día a Tenda de Comercio Xusto en A Coruña.

