A pandemia no sur hondureño
San Marcos de Colón, municipio situado no departamento hondureño de Choluteca, onde Solidariedade Internacional de Galicia está a apoiar o traballo de Sur En Acción en favor dunha saúde integral, tamén está a sufrir os azoutes da pandemia mundial pola COVID. Así nolo fixo saber Mario Pinel, o presidente de Sur en Acción nunha xuntanza mantida hai tan só uns días.

A curta de café, as reunións familiares ou os encontros multitudinarios da campaña política polas eleccións primarias que se producirán en marzo, poderían ser algúns dos factores que causaron un aumento dos casos positivos no departamento de Choluteca, sendo San Marcos de Colón un dos municipios sureños máis afectados. A isto habería que engadirlle a reticencia das comunidades para utilizar “ cubrebocas”, especialmente nas comunidades rurais. Ben por falta de sensibilización sobre o seu uso ou polas dificultades para adquirilas, a realidade é que faise estraño ver esta peza tan necesaria por estas comunidades, provocando que 2 de cada 5 pacientes que acoden ao Centro Integral de San Francisco, centro que atende a 17 comunidades de San Marcos de Colón, resulten ser positivos en COVID.
A esta alerta sanitaria, únense outras preocupacións coma a da educación das nenas e nenos, cuxo curso escolar, recentemente comezado, vaise desenvolver a distancia e coas escolas pechadas, sistema que está a deixar fóra a gran parte do alumnado que non pode seguir as clases de maneira virtual. Tamén preocupan outras pandemias crónicas, como a violencia machista, que deixou nos 45 primeiros días do ano 35 mulleres asasinadas, situando a Honduras como o segundo país de América Latina con maior número de feminicidios.
Todo isto non fai máis que reforzar o noso compromiso co pobo hondureño na procura de oportunidades que favorezan un desenvolvemento sostible.