Activismo sénior
“Activismo Sénior” comprende o conxunto de accións e actividades desenvolvidas no “PROGRAMA DE PROMOCIÓN DA ACCIÓN VOLUNTARIA DAS PERSOAS MAIORES: DO ENVELLECEMENTO ACTIVO AO ENVELLECEMENTO ACTIVISTA” que Solidariedade Internacional de Galicia leva impulsando os últimos anos (dende 2019) grazas ao financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da convocatoria da asignación do 0,7% do IRPF.
O proxecto enmárcase na liña de accións destinadas ao voluntariado, concretamente na de programas que fomenten actividades solidarias e de participación social nos diferentes sectores de acción voluntaria establecidos no artigo 5 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, como instrumento de cambio e transformación social.
O obxectivo xeral do mesmo é contribuír á formación integral das persoas maiores de 55 anos de Galicia para exercer a cidadanía global, promovendo especialmente a súa participación social e voluntariado. Ademais deste obxectivo xeral, a iniciativa pretende:
- Capacitar en ferramentas de Educación para a Cidadanía Global e a Participación Social ás persoas maiores de 55 anos das 4 provincias galegas.
- Empoderar ás persoas maiores de 55 anos de Galicia como suxeitos políticos.
- Ofrecer espazos reais de participación social e acción voluntaria ás persoas maiores da nosa comunidade.
- Crear sinerxías entre as persoas maiores e as organizacións do terceiro sector da cooperación galega e internacional.
- Xerar coñecemento sobre a realidade da participación social, política e cidadá das persoas maiores en Galicia.
Son, polo tanto, as persoas maiores da nosa comunidade autónoma os destinatarios directos e protagonistas activos do proxecto. Eles e elas participan cada ano dun itinerario formativo sobre aspectos relacionados con cooperación internacional, educación para a cidadanía global, comercio xusto e participacións social, traballando sempre de forma dinámica, combinando cuestións teóricas e prácticas.
Durante o proxecto non só se capacita ás persoas maiores neste tipo de cuestións, senón que se promove especialmente o seu voluntariado e a súa participación activa como un axente máis na sociedade civil, fuxindo dos estereotipos asociados ao edadismo, tanto da vulneración de dereitos por razóns de idade, como a invisibilidade coa que viven dentro dos procesos de toma de decisións sobre a súa propia vida e a que lles rodea. Precisamente rachando con estereotipos e escoitando as voces das persoas maiores involucradas neste programa nos últimos cinco anos, o proxecto recibiu o subtítulo de “Activismo Sénior”, pois durante este tempo, os propios maiores verbalizaron que non se sentían de todo identificados ou cómodos con termos como “envellecemento”, “persoa maior”, “terceira idade”, “adultos maiores”, “vellos” ou moitas outras… polo que foron eles e elas quen escolleron a palabra “sénior” como aquela coa que se sentían máis cómodas por reflexar menos connotacións negativas e “activismo” porque representaba mellor o seu espírito e ganas de seguir facendo cousas por facer deste mundo cada día un lugar mellor.
Todo isto é moi importante, xa que con esta iniciativa preténdese tamén visibilizar, recoñecer e poñer en valor as achegas e contribucións que as persoas maiores levan aportando á sociedade dende hai tanto tempo, pois grazas á súa participación e activismo social histórico conquistaron dereitos dos que gozamos actualmente as novas xeracións.
Se queres máis información podes contactar con nós a través do correo electrónico educacion@solidaridadgalicia.org
Links de interese: