«Activistas polo mundo que queremos», entre os programas educativos do novo Plan Sinerxia da Xunta de Galicia
Os centros educativos interesados xa poden solicitar a súa participación no programa para o curso 2026/2027. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 13 de novembro.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de publicar o Plan Sinerxía, unha iniciativa que busca impulsar a coordinación e o desenvolvemento integrado de programas educativos nos centros docentes galegos durante o curso 2026/2027.
Entre as propostas incluídas nesta nova convocatoria atópase «Activistas polo mundo que queremos», un proxecto de Educación para a Cidadanía Global desenvolvido conxuntamente por Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP).

O programa propón un itinerario educativo participativo para achegar o alumnado a distintas formas de activismo e promover unha cidadanía crítica, comprometida coa transformación social e coa defensa dos dereitos humanos. A través de diferentes actividades e recursos, trabállanse catro ámbitos fundamentais: o feminismo, o antirracismo, a xustiza ambiental e a defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+.
A proposta combina formación presencial e traballo virtual, incorporando ferramentas de comunicación social, como a radio, e o encontro directo con persoas activistas do Sur Global. Deste xeito, o alumnado pode coñecer outras realidades, conectar problemáticas locais e globais e identificar formas de implicarse activamente na construción dun mundo máis xusto e sostible.
Os centros educativos interesados en participar no curso 2026/2027 poden presentar a súa solicitude ata o 13 de novembro de 2026, a través do procedemento habilitado no aplicativo de Programas Educativos da Xunta de Galicia.
Consulta a publicación do Plan Sinerxía no Portal Educativo e os detalles da convocatoria para coñecer as condicións de participación.
Desde Solidariedade Internacional de Galicia animamos aos centros educativos a incorporar «Activistas polo mundo que queremos» á súa programación e seguir facendo das aulas espazos de participación, pensamento crítico e compromiso coa xustiza global.

