Bordar para resistir: o tatreez das mulleres palestinas.
Fronte á idea de que a cidadanía non temos nada que facer ante a situación en Gaza e outros territorios palestinos ocupados, lembramos as palabras da relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese:
“Nós, o pobo, a xente, marcamos a diferenza: pode parecer imposible ata que se fai posible, pero para iso hai que participar na vida pública e non delegar”.

VISIBILICEMOS DE FORMA PERMANENTE O NOSO APOIO AO POBO PALESTINO
En novembro de 2023, Xunto coa Coordinadora Galega de ONGD, impulsamos a campaña de chapas #SandíasPolaPaz, á que vimos de incorporar #BordarPalestina: unha nova proposta, vinculada á tradición do tatreez e o papel das mulleres como depositarias e defensoras, a través do bordado, da historia do seu pobo.
De xeración en xeración e principalmente entre mulleres: a arte do tatreez, declarada Patrimonio Cultural Inmaterial pola UNESCO en 2021, mantén dende hai séculos a memoria e a cultura de Palestina.
A súa práctica non só implica un oficio ou un saber, senón que ofrece unha dimensión social e comunitaria cun importante pouso de sororidade: o que constrúen mulleres que bordan xuntas e que resisten, coidando a historia e a identidade do seu pobo.
Porque o tatreez é moito máis que un bordado: os seus motivos (árbores, paxaros, flores e outros elementos da natureza) amosan a relación tradicional do pobo palestino coa terra e rebaten o mito fundacional segundo o cal Palestina era un deserto que floreceu da man de Israel: a historia sobrevive tamén nas puntadas das mulleres palestinas que, a través do tatreez, tecen a súa propia resistencia.
Faite cunha chapa e amosa o teu compromiso co pobo palestino!
Podes atopalas en calquera dos establecementos desta listaxe.

