CARA ONDE IMOS
Dicía o gran Benedetti que “cando criamos que tiñamos todas as respostas, de súpeto cambiaron todas as preguntas”.
Hai case dous anos, tocábanos escribir o último capítulo do noso recentemente publicado libro sobre educación para o desenvolvemento e cidadanía global. Nel preguntabámonos se era necesaria ou non unha renovación na maneira de ser e de facer das ONGD para adecuarse ás problemáticas actuais. Recordo que diriximos a nosa mirada ao interno e ao externo, situándonos entre a adaptación e a resistencia, quedando sen resolver a eterna pregunta: cara onde imos?
E aínda que moito aconteceu dende aquela, hoxe 14 de abril de 2020, un mes despois do inicio do confinamento polo COVID-19, como organización social volvemos a atoparnos aí, exactamente facéndonos a mesma pregunta e xustamente situándonos entre a adaptación e a resistencia dende dúas únicas conviccións; a de que a cidadanía que consiga sobrevivir aos efectos da pandemia terase que enfrentar a un descalabro social e económico dunha magnitude que, se intúe, pode chegar a superar os precedentes ata o momento coñecidos, e a de que ninguén está preparado/a para xestionar unha emerxencia destas dimensións.
O certo é que no noso caso sempre tivemos máis preguntas que respostas. Poida ser porque non nos conformamos co mundo tal como era porque sempre quixemos transformalo, porque o espírito crítico que nos une sempre puxo a necesidade de cambio enriba da mesa, porque para nós as persoas nunca deixaron de estar no centro. Por iso as preguntas seguen a ser as mesmas.
Observamos como hoxe miles de persoas se fan estas mesmas preguntas, agora que nos tocou sufrir a esta parte do mundo a incertidume do mañá, agora que o noso modo de vida capitalista, consumista, insolidario, individualista e insostible vese cuestionado amplamente. E aínda que este cuestionamento sempre estivo aí, foi preciso un golpe ás nosas liberdades e comodidades para que ninguén quedara sen velo.
Durante este mes de “encerro” seguimos “aquí”, de modos diversos e personificados iso si, pero non abandonamos o noso compromiso. Foi necesario tamén para nós un tempo de silencio, de fonda reflexión, de pararse, de observarse, de abandonar as présas e os “ faceres” para aprender a “non facer”, a “non saber”, para ter claridade.
E neste facer sen facer, o que si sabemos é como está afectando a pandemia noutras latitudes queridas e coñecidas pola nosa entidade. Falamos de países coma Guatemala, Honduras ou El Salvador ónde temos moitas compañeiras e compañeiros que, se xa loitaban por mellorar as condicións de vida de milleiros de persoas en situacións de vulnerabilidade e desigualdade, a extensión global da enfermidade non fai máis que acrecentar desmedidamente todas as problemáticas e sumar outras novas.
Nestes momentos nos que estamos a vivir un problema de magnitude global, non podemos permitirnos miras curtas, hai un mundo máis ala dos nosos embigos. Pois se nas “sociedades do benestar” se vislumbra unha crise multidimensional con consecuencias para todos e todas, máis aínda nas sociedades empobrecidas ónde os efectos desta crise serán máis apremiantes.
Por iso cobra tanto valor xusto agora a cooperación internacional, o comercio xusto, a educación para a cidadanía global, o voluntariado e a colectividade. Pois o que estamos a vivir non é unha crise soamente de saúde, senón que é unha crise humanitaria grave que non podemos desatender nin como individuos nin como especie. Problemas globais precisan solucións globais, pero a globalización non só ha de ser de mercadorías e capitais senón fundamentalmente de dereitos humanos. O dereito á saúde, aos alimentos, á terra, á auga, aos recursos, a unha vida digna, a participar daquelas decisións que afectan á nosa vida, non é unha cousa a reclamar só para unha parte do planeta senón para o conxunto del.
Dende a certeza de que o noso guión segue máis vixente e actual que nunca, en Solidariedade Internacional de Galicia queremos volver, dende xa, á escena pública, política e social. Cada quen ten o seu cometido, e ese é o noso.
Boa parte das nosas demandas históricas, hoxe son plenamente asumidas pola ONU e concretadas nunha ampla maioría na Axenda 2030. Cómpre recordarlle tanto á UE coma aos nosos gobernos nacionais, autonómicos e locais o seu compromiso con todos e cada un dos 17 obxectivos (ODS) que establece dita axenda. Cada día escoitamos aos nosos responsables políticos repetir que desta crise ninguén pode quedar atrás, unha fermosa frase que recollemos e esixiremos como un compromiso firme que agocha o maior dos retos, o de mirar constantemente a todo o noso arredor e mais aló do noso horizonte.
É o momento de resetear, de recuperar a solidariedade, a esperanza e o sentido de comunidade. Hoxe ábresenos unha nova oportunidade de rescatar a nosa humanidade.