Cine na rúa e cooperación; unha ventá ao mundo
Viaxar dende a praza do noso pobo a Guatemala a través do cine, este é o plan que decenas de veciñas e veciños de distintos concellos pertencentes ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade poden facer coa nosa actividade Cine na rúa e cooperación: Unha ventá ao mundo.
A través da proxección de diversas curtametraxes escollidas para a ocasión, as poboacións de Redondela, Silleda, Ribeira, Monforte, Abegondo, O Rosal, Laxe e Cabana de Bergantiños poden coñecer en que medida os seus concellos contribúen a unha mellora nas condicións de vida da poboación de Guatemala, o primeiro país destinatario de financiamento da Cooperación Galega.
Nunha sesión dunha hora e media aproximada de duración, as persoas asistentes poden coñecer a labor do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como diversos proxectos que levamos a cabo as ONGD galegas. A través de curtametraxes coñecerán a realidade deste país, e como multitude de Dereitos Humanos como o acceso á auga, a unha vivenda digna, a unha alimentación saudable ou á educación son vulnerados diariamente. Mais, por outra banda, tamén coñecerán como, a través dunha cooperación horizontal da man das entidades locais, realizamos proxectos que contribúen a mellorar a vida das persoas para, como nos gusta dicir, que cada persoa teña unha vida que mereza a pena ser vivida.
Tras a visualización das distintas curtametraxes, levamos a cabo unha posta en común na cal as técnicas de Solidariedade Internacional de Galicia poden resolver as dúbidas da veciñanza, achegando dun xeito máis próximo estas realidades.
Nos vindeiros días estaremos coas dúas últimas sesións no Concello de Abegondo, levando esta actividade ao IES de Viós e en Silleda, no IES Pintor Colmeiro.
Esta iniciativa é posible grazas ao financiamento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.