Camiñar con dignidade:apoio a persoas migrantes na fronteira suroriental de Honduras.

0 Comentario
6168 Vistas

Migrar non é só cruzar unha fronteira. É unha decisión difícil, moitas veces desesperada, que nace da necesidade de fuxir da violencia, da pobreza ou da falta de oportunidades nos países de orixe, e de buscar un futuro mellor nun novo lugar afastado.

Cada día, centos de persoas, procedentes de Sudamérica, do Caribe ou mesmo doutros continentes, chegan á fronteira entre Nicaragua e Honduras no seu longo camiño cara ao norte do continente americano.

Quen transita por esta ruta, a través do corredor migratorio centroamericano, moitas veces faino tras atravesar zonas extremadamente perigosas como a selva do Darién, na fronteira entre Colombia e Panamá. Esta zona, considerada unha das máis hostís do continente, expón ás persoas migrantes a condicións climáticas extremas, ríos caudalosos, fauna salvaxe e á ameaza constante de redes criminais. Moitas relatan ter sufrido roubos, extorsións, violencia física e agresións sexuais ao longo do traxecto. A iso súmanse o esgotamento físico, a fame, a deshidratación e a angustia de non saber que lles agarda máis adiante. Migrar, nestas condicións, convértese nun percorrido marcado polo perigo e a vulnerabilidade extrema.

Entrega do material

En Solidariedade Internacional de Galicia, cremos que cada paso dese camiño merece ser acompañado con humanidade.

Grazas ao apoio de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e en coordinación coas organizacións locais socias de SIG, Fundación Alivio del Sufrimiento (FAS) e Sur en Acción, nos últimos meses traballamos en tres puntos clave do sur de Honduras: Choluteca, El Paraíso e Las Manos. Alí, prestouse atención directa a máis de 3.000 persoas migrantes, en dous centros xestionados por FAS (Casa Rafael, no punto fronteirizo de Las Manos, e o Centro de Descanso Temporal Alivio del Sufrimiento, en El Paraíso), e un por Cáritas (Centro de Descanso Monseñor Guido Charbonneau, en Choluteca).

O noso apoio consistiu en alimentación, atención médica básica, acompañamento psicosocial e espazos seguros nos que descansar. Tamén se reforzaron áreas de protección para a infancia e desenvolvéronse campañas de sensibilización para promover unha ollada máis xusta e humana cara a quen migra.

Este proxecto non nace da urxencia, senón dunha convicción profunda: defender os dereitos das persoas en movemento é un acto de xustiza. Porque migrar non debería ser sinónimo de perigo, e porque a solidariedade non entende de fronteiras, seguiremos camiñando xunto a quen loita por unha vida mellor.


20 anos da Tenda de Comercio Xusto A Coruña

Pasaron xa 20 anos dende que abriramos aquela primeira tenda...

Deja tu comentario

  Acepto la política de privacidad

Información sobre protección de datos

  • Responsable: Solidaridad Internacional Galicia
  • Fin del tratamiento: Controlar el spam, gestión de comentarios
  • Legitimación: Tu consentimiento
  • Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal.
  • Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido.
  • Contacto: direccion@solidaridadgalicia.org.
  • Información adicional: Más información en nuestra política de privacidad.