COÑECER A REALIDADE, ACCIÓN HUMANITARIA EN HONDURAS
Un artigo de Nayla Flores, alumna da Universidade de A Coruña e beneficiaria dun proxecto PCR en Honduras.
O pasado mes de agosto, a miña compañeira Tati e máis eu, tivemos a oportunidade de viaxar a Honduras da man de Solidariedade Internacional de Galicia e no marco dos Proxectos de Coñecemento da Realidade impulsados pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade de A Coruña.
Alí puidemos coñecer e participar activamente do proxecto de acción humanitaria titulado “Fortalecemento das capacidades de atención e protección a persoas migrantes na fronteira sur oriental de Honduras” financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Unha iniciativa impulsada por Sur en Acción, organización aliada de Solidariedade Internacional en Honduras, xunto coa Fundación Alivio ao Sufrimento (FAS), outra organización local con experiencia en proxectos de migración.
Este proxecto naceu motivado pola grave situación que miles de persoas migrantes deben afrontar cada día durante a súa viaxe migratoria. O obxectivo destas persoas inmigrantes é chegar a Estados Unidos, polo que previamente deben facer un longo percorrido que xeralmente ten a súa orixe en países latinoamericanos, pero que nalgúns casos iniciase en países asiáticos como Paquistán ou Afganistán.
Honduras é un dos países de tránsito polo que cruzan unhas 2.000 persoas cada día. Ingresan, xeralmente, pola fronteira de Las Manos, pertencente ao departamento do Paraíso e lindeiro con Nicaragua. A uns 30 kms da fronteira atópase o Instituto Nacional de Inmigración en Danlí, onde conseguen o salvoconducto que lles permite circular polo país durante 5 días. Moitos migrantes vense obrigados a acampar debido á falta de recursos para aloxamento.
O Centro de Descanso Temporal do Paraíso, xestionado e dirixido por FAS, ten capacidade para albergar ata a 250 persoas e a Oficina de Inmigración dispón doutro albergue para 50 persoas. A falta de recursos e atención humanitaria é evidente. A maioría das persoas chegan exhaustas, con nenos que mostran síntomas de desnutrición e con relatos de violencia, asaltos, violacións e estafas na súa travesía. Ante esta situación, dende Solidariedade Internacional quixemos unirnos á experiencia e ao traballo xa implementado por FAS co propósito de brindar axuda e contribuír a mellorar as condicións das persoas migrantes. Os fondos aportados por este proxecto permitirán mellorar as condicións de seguridade dos centros de atención xestionados por FAS e permitirán dotalos de medicamentos e alimentos para garantir o abastecemento necesario para atender as persoas migrantes acollidas.
Por outra banda é fundamental crear conciencia na sociedade civil sobre a realidade da migración e traballar en conxunto para garantir que todas as persoas poidan migrar con seguridade e dignidade, é por iso que este proxecto tamén desenvolve accións de sensibilización entre á cidadanía e autoridades da zona de intervención que favorezan o bo trato ás persoas migrantes.