DEZ ANOS DE ACTIVISMOS DENDE AS AULAS GALEGAS
E continuamos con esta nova edición de “Activistas polo Mundo que Queremos”, o proxecto de Educación para a Cidadanía Global que se enmarca dentro do “Plan Proxecta” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Cooperación Galega.
O presente curso 2022-2023 está a ser algo especial para o proxecto xa que chega ao seu décimo aniversario. Dez anos nos que participaron máis de 4.300 mozos e mozas de toda Galicia, así como profesores e profesoras dun total de 56 centros educativos.
Os centros participantes nesta décima edición son o IES María Casares de Oleiros e o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, ambos os dous sitos na provincia da Coruña, e outros catro centros da provincia de Pontevedra, que son o IES As Bizocas do Grove, o IES Valadares de Vigo, e dous centros da capital provincial, o IES Montecelo e o IES Luís Seoane.
As actividades enmarcadas nesta iniciativa desenvólvense por catro entidades: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social AGARESO, Asemblea de Cooperación pola Paz e a cooperativa Feitoría Verde.
O fin último de todo isto é formar unha cidadanía crítica e activa, que sexa quen de identificar e combater as ameazas arredor da convivencia. Concretamente, os eixos temáticos sobre os que traballará o alumnado serán o medio ambiente, o feminismo, o antirracismo e a defensa dos dereitos LGTBIQ+.
A execución faise en sete obradoiros (paradas) que mesturan a formación presencial coa virtual, e que se desenvolverán ata o mes de abril. Nelas, a rapazada poderá afondar no significado de ser activista, analizará criticamente os medios de comunicación de masas e as redes sociais, afondará nas desigualdades e coñecerá maneiras de actuar na súa contorna, elaborará e gravará guións radiofónicos centrados na temática dos activismos e, para finalizar, encontrarase con activistas do Sur Global, que poderán contarlles en primeira persoa como é traballar en contra das discriminacións nesas outras latitudes nas que os contextos socio-políticos non sempre son os máis favorábeis para facelo.
Agardamos que este curso estea sendo de proveito para todo o alumnado participante e que este proxecto contribúa á súa educación integral como cidadáns e cidadás do mundo!