ENTREGA DO II PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESELVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL
As experiencias educativas gañadoras do II Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global recibiron, o pasado 24 de marzo, o seu galardón nun evento ao que asistiron 122 persoas entre profesorado e alumnado de centros de tódolos niveis educativos e representantes de diferentes ONGDs e da Xunta de Galicia. O acto foi conducido polo cómico Fran Rei na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta e concluíu cun café e chocolate de comercio xusto para todas as persoas asistentes.
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global nace no 2020 co propósito de recoñecer experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto. Ovidio Villar, coordinador da iniciativa premiada do IES Carlos Casares, asegura que xerar este tipo de convocatorias “fomenta espazos para o coñecemento da realidade educativa e contribúe ao enriquecemento dos centros de ensino, facéndonos sentir rede”, ao que Patricia Muñiz, coordinadora da iniciativa premiada presentada pola Facultade de Humanidades e Documentación (UDC), engade que “a Axenda 2030 é unha Axenda que non só involucra aos Estados, senón que nos inclúe a todos e todas. O papel da universidade é fundamental”.
A convocatoria, financiada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia (Cooperación Galega), ten unha triple finalidade. Recoñece o labor e esforzo realizado pola comunidade educativa dos centros de ensino galegos para por en práctica a Educación para a Cidadanía Global (ECG) nas aulas. Promove a integración da ECG na educación regrada galega e xera sinerxías entre o profesorado interesado nos contidos e metodoloxías abordadas. Así o expón Andrés Saavedra, director do CEIP Sada y sus Contornos: “a educación debe saír das catro paredes das nosas escolas para que as actuacións teñan visibilidade e poidan axudar a outros compañeiros e compañeiras no seu labor”.
A organización deste acto de entrega de premios responde tamén ao propósito de tecer redes e poñer en valor o traballo realizado polo profesorado na promoción dos valores da xustiza social e a solidariedade.