Entrega do I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global
O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero foron os protagonistas dos actos de entrega do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, un galardón impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD que naceu en 2020 para recoñecer experiencias educativas que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto.
Ás 10:30 horas da mañá do pasado 19 de febreiro, o pavillón deportivo do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos centros escolares máis grandes de Galicia, acollía a recepción do acto. Representantes do alumnado de Educación Infantil e Primaria, así como do profesorado, recolleron os diplomas que acreditaban que a iniciativa ‘Aprendendo a convivir’ foi a gañadora na categoría A (Infantil e Primaria) deste ano.

A directora do centro, Patricia Galán, recolleu o trofeo conmemorativo. “A recepción deste Premio supón a posta en valor dun esforzo, non sempre visible, para acadar unha escola solidaria e sensible co relativo á igualdade, á mellora da convivencia e ao coidado do medio ambiente”, afirmou.
Ás 13:30 horas dese mesmo día tivo lugar o acto de entrega da trofeo á iniciativa gañadora da categoría B (Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas) no CPI Virxe da Cela de Monfero. Ademais do alumnado de secundaria, no acto participou o alcalde do Concello, Andrés Feal, o presidente da Asociación de Nais e Pais (ANPA), Jorge Pensa, así como representantes do profesorado.

Verónica Dopico, coordinadora de ‘Monferosolidario’, a iniciativa gañadora, xunto a Yolanda castro, afirmou que “o Premio visibiliza o traballo que fixemos dende este centro do rural e supón unha reafirmación na nosa idea inicial: a posibilidade de abrir a escola cara á transformación social desde a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. E estamos moi orgullosas.”
Pola súa banda, a portavoz do equipo organizador do Premio, María Paz, lembrou que este galardón “é o recoñecemento que facemos as 46 ONGD galegas que formamos parte da Coordinadora Galega de ONGD, entidades que representamos a máis de 23.000 galegos e galegas e que traballamos para acadar a xustiza social a nivel global.”