A compostelá Casa das Máquinas ábrese o xoves 3 de abril para acoller Compostela co Sur Global. Un encontro que nace da colaboración entre o Concello de Santiago, a través da súa Concellería de Dereitos Sociais, e a Coordinadora Galega de ONGD baixo o paraugas de Compostela máis Solidaria.
Compostela co Sur Global ten como obxectivo, por unha banda, ser un punto de encontro entre a cooperación galega e a veciñanza de Santiago, que poderá descubrir como a cooperación está a conectala con comunidades de países como Guatemala, Bolivia, El Salvador, Cuba, Guinea Ecuatorial, Bissau ou Mozambique.
Por outra, Compostela co Sur Global quere ser un espazo informativo. No que escoitar, pero tamén no que preguntar. A idea é trasladar unha idea clara de que é a cooperación ao desenvolvemento, quen intervén nela e, sobre todo, como intervén nela a veciñanza -neste caso compostelá- e por que é importante non deixar de apoiala.
Queres asistir a Compostela co Sur Global?