O mércores 25 de febreiro ás 18:00 horas na nosa Tenda de Comercio Xusto de Pontevedra, no marco do proxecto “O movemento social do Comercio Xusto como exercicio de cidadanía global: unha contribución á consecución da Axenda 2030 desde Galicia. Fase III”, impulsamos a actividade “Voces do Comercio Xusto desde El Salvador”.Unha actividade que nos permitirá conectar directamente co movemento internacional do Comercio Xusto a través dos seus protagonistas.
Contaremos coa participación de Claudia Jiménez, xestora país en El Salvador da Coordinadora Latinoamericana e do Caribe de Pequenos/as Produtores/as e Traballadores/as de Comercio Xusto (CLAC), e Nery Sánchez, presidente da Cooperativa de Reforma Agraria San Carlos Dos.
A súa presenza en Galicia representa unha oportunidade única para coñecer de primeira man as realidades das persoas produtoras organizadas en cooperativas, o impacto do Comercio Xusto nos territorios e os retos actuais do movemento a nivel internacional.
Desde a experiencia de Claudia, achegarémonos ao papel da CLAC como organización copropietaria do sistema Fairtrade International e como rede que agrupa centos de organizacións de pequenos produtores en América Latina e o Caribe, promovendo un modelo comercial máis equitativo e sostible.
Pola súa parte, Nery compartirá a experiencia da cooperativa San Carlos Dos, exemplo de resiliencia e organización comunitaria tras un contexto marcado pola guerra e a transformación social. Unha historia que amosa como o Comercio Xusto contribúe á mellora das condicións de vida, á profesionalización da caficultura e ao fortalecemento das comunidades.
O encontro será tamén un espazo de diálogo e reflexión colectiva sobre o papel do consumo responsable e sobre como, desde Galicia, podemos contribuír á construción dunha economía máis xusta, inclusiva e sostible. Ademáis poderemos degustar e compartir un exquisito café de Comercio Xusto.
Esta iniciativa conta co financiamento e apoio de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

