O martes, 3 de novembro, a partir das 18:00 h, na nosa Tenda de Comercio Xusto de Ourense, contaremos coa presenza de Haydée Castillo no marco da actividade “Voces do Sur”, unha proposta que busca achegar as persoas participantes á cooperación internacional e ás realidades sociais, políticas e culturais do Sur global a través de testemuños e experiencias en primeira persoa.
Haydée Castillo é socióloga, feminista e defensora dos dereitos humanos nicaraguana, ademais de fundadora do Instituto de Liderazgo de Las Segovias (ILLS), organización que foi socia de Solidariedade Internacional de Galicia.
Ao longo da súa traxectoria, desenvolveu un intenso labor no ámbito do empoderamento das mulleres, a participación cidadá, o desenvolvemento rural e o liderado comunitario. Nos últimos anos destacou tamén pola súa defensa dos dereitos humanos e da democracia en Nicaragua, labor que a levou ao exilio e que continúa desenvolvendo desde o ámbito internacional.
Durante esta xornada teremos a oportunidade de coñecer, a través do seu propio relato, a súa experiencia en liderado comunitario, participación cidadá e defensa dos dereitos das mulleres en Nicaragua.
Este proxecto está financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a través da convocatoria da asignación do 0,7 % do IRPF.
Máis información: direccion@solidaridadgalicia.org

