Café e cacao: o lado humano dun mercado global

0 Comentario
6428 Vistas

O 7 de outubro de 2025, a Tenda de Comercio Xusto de Pontevedra converteuse nun pequeno espazo de aprendizaxe compartida. Da man de Roberto Ballesteros, da cooperativa IDEAS, celebramos o faladoiro “Café e cacao: situación mundial e mercado actual”, unha proposta que nos axudou a mirar con outros ollos dous produtos cotiáns que agochan realidades complexas.

As 21 persoas asistentes —entre equipo técnico, xunta directiva, voluntariado e clientela da tenda— viaxaron simbolicamente ás plantacións de Ghana, Costa de Marfil, Brasil ou Vietnam, onde millóns de pequenos produtores e produtoras viven dependentes de prezos que non controlan, condicionados por un mercado globalizado e especulativo.

Roberto explicou como, no mercado convencional, o 92% do valor final do cacao queda en mans de empresas europeas, mentres os produtores apenas reciben un 7%. Pola contra, nas redes de Comercio Xusto, ese beneficio pode chegar ata o 30%, grazas a unhas relacións comerciais baseadas na transparencia, o pagamento por adiantado e o respecto ás persoas produtoras.

Tamén se abordaron as consecuencias do cambio climático —con secas, chuvias torrenciais e pragas que afectan ás colleitas—, a deforestación provocada pola expansión das plantacións e as prácticas de greenwashing de grandes corporacións que crean selos propios para aparentar responsabilidade ambiental. Roberto advertiu ademais de que “BIO non sempre significa xusto”, lembrando que, en moitos casos, o cultivo ecolóxico non garante condicións laborais dignas.

O faladoiro serviu así para conectar as problemáticas globais cos nosos hábitos locais de consumo, e para lembrar que cada cunca de café ou anaco de chocolate pode ser tamén unha decisión política e ética: apoiar o Comercio Xusto é contribuír a un modelo económico que pon a vida no centro, que coida das persoas e da terra, e que loita contra as dinámicas de explotación que sosteñen o comercio internacional.

Faladoiro

Con actividades coma esta, Solidariedade Internacional de Galicia reafirma o seu compromiso de construír pensamento crítico e conciencia colectiva, facendo da Tenda de Comercio Xusto un espazo vivo onde aprender, compartir e transformar.

Esta iniciativa é posible grazas ao financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.


20 anos da Tenda de Comercio Xusto A Coruña

Pasaron xa 20 anos dende que abriramos aquela primeira tenda...

Deja tu comentario

  Acepto la política de privacidad

Información sobre protección de datos

  • Responsable: Solidaridad Internacional Galicia
  • Fin del tratamiento: Controlar el spam, gestión de comentarios
  • Legitimación: Tu consentimiento
  • Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal.
  • Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido.
  • Contacto: direccion@solidaridadgalicia.org.
  • Información adicional: Más información en nuestra política de privacidad.