GALICIA ABRIGA
O primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos.
Defender a quen defende: ese é o obxectivo de Galicia Abriga, unha proposta destinada a que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que ten presenza a Cooperación Galega poidan saír temporalmente do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan. Unha situación que vén motivada pola súa labor como defensoras de dereitos humanos.
O programa nace como unha iniciativa do sector galego de cooperación internacional, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD. E ten xa un grupo xestor formado polas organizacións Solidariedade Internacional, Ecos do Sur e Agareso.
Unha característica especialmente destacable do programa é o numeroso respaldo que ten de entidades do sector como Amigas da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Enxenerías sen Fronteiras, Médicos do Mundo, Provivienda, MPDL, Sólida e Mulleres Salgadas, que xunto co Fondo Galego de Cooperación e as tres universidades galegas conformarán o grupo de apoio, ofrecendo recursos e asesoría, ademáis de participar nos proceso de selección e avaliación.
Agárdase que as defensoras de dereitos cheguen a Galicia entre abril e maio deste ano, para retornar aos seus países de orixe no verán.
O programa, que se inspira en propostas xa existentes en Asturias, País Vasco ou a Comunidade Valenciana, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega e a Secretaría Xeral de Igualdade, e do programa Protect Defenders da Unión Europea.
A proposta de candidatas deberá vir avalada por unha entidade no país de orixe e por unha entidade galega, para así garantir un proceso de estadía e retorno seguros.
As entidades que estean interesadas xa poden acceder á convocatoria pública de acollemento temporal na web galiciaabriga.org.