HOXE MÁIS QUE NUNCA; EDUCACIÓN PARA UNHA CIDADANÍA GLOBAL
Hoxe queremos contarvos o xeito no que continuamos a traballar a Educación para a Cidadanía Global na nosa entidade, na cal incluímos actividades de sensibilización, formación e investigación. E cando pensamos en como estamos traballando nestes últimos meses, vénsenos á cabeza unha resposta aparentemente sinxela: o facemos como podemos tendo en conta os tempos, as posibilidades, as dispoñibilidades, os recursos, os estados emocionais, as certezas e as incertezas, convivindo con todo.
Sen dúbida o gran reto está a ser a renuncia á presencialidade, un elemento que sempre definiu o noso quefacer e que caracteriza a nosa aposta educativa . Para nos, estar nas aulas xunto co alumando e profesorado contribúe á apertura da escola ao seu entorno e á realidade social na que vivimos, procurando así esa transferencia da aprendizaxe a situacións reais, significa traballar na innovación educativa conxuntamente co profesorado en exercicio, significa por no centro a socialización, traballar/aprender véndonos, modificando os espazos (tan importantes). Porque a presencia permite darlle forma á participación, ao activismo, ás verbas, aos sentires, permítenos construír conxuntamente xeitos novos de actuar, socializar e mobilizarnos como cidadanía política.
Así que, tendo que abandonar momentaneamente isto, estamos nun momento no que tratamos de substituír a presencialidade pola presenza, escribindo moito e comunicándonos con frecuencia empregando medios ata o de agora residuais no noso quefacer diario. Este constitúe un dos aspectos básicos do “seguir aquí”, poder falar co profesorado, achegarnos ao alumando, continuar traballando en rede con outr@s compañeir@, tanto doutras ONGD e entidades galegas, como coas nosas compañeiras das asociacións territoriais de Solidaridad Internacional.
Nestas semanas de confinamento estamos a ser quen de reconducir os nosos esforzos grazas, cómpre dicilo, á aposta decidida de tod@s aquel@s que, dende o seu compromiso a favor da Educación para a Cidadanía Global, quixeron seguir adiante (como sempre o fixeron) con nós nesta tarefa.
Referímonos, por unha banda, ao profesorado de secundaria daqueles centros educativos nos que estamos a desenvolver proxectos coma O mundo que queremos e cos que actualmente estamos a deseñar novas estratexias de traballo que nos permitan concluír as actividades previstas para este curso 2019/2020 con alumnado de Alfoz-Valadouro, Pastoriza, O Saviñao, Melide, Lalín, Cuntis, Vilabora, Pontevedra e A Coruña.

Referímonos tamén ás compañeiras do Grupo de Investigación da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña, coas que acumulamos unha dilatada experiencia de traballo no eido da investigación social reflectida no último libro publicado e coas que continuamos, a día de hoxe, habilitando mecanismos dixitais para por en marcha salas cartográficas de mapeo das experiencias en Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global desenvolvidas en Galicia e redactando artigos de divulgación sobre as nosas investigacións tanto coa Universidade de Santiago de Compostela como coa Universidade da Coruña.
E, como non, avanzamos a través de mil e unha xuntanzas da man de Cidadanía na creación do Observatorio O Globo, do que moi pronto teredes noticias.
Todo isto acontece namentres tratamos de formarnos e actualizarnos en novas ferramentas que impidan que o virtual nos faga perder a capacidade de sensibilizar, informar, formar, motivar. Non é sinxelo, pero non podemos deixar de pensar que, quizais, estamos ante unha oportunidade única para entender o que é a Cidadanía Global.