III PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL
Convocatoria aberta!
O propósito do galardón é recoñecer experiencias educativas transformadoras, realizadas durante o curso escolar 2022/23 e/ou o actual, que fomenten unha cidadanía solidaria e crítica.
A terceira edición do Premio Galego de Educación para Desenvolvemento e Cidadanía Global xa está en marcha, coa publicación este 16 de febreiro das bases desta nova convocatoria.
Poden presentarse ao premio docentes ou equipos de docentes de centros de ensino e universidades galegas de titularidade pública, concertada ou privada oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación.
O requisito fundamental é ter desenvolvido durante o curso 2022-23 e/ou neste curso 2023-24 experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo máis xusto.
As bases inclúen información detallada, como lugar e prazo de presentación de candidaturas, documentación requerida e criterios de valoración das propostas. Así como a composición do xurado, os prazos de resolución e datas orientativas de actos e viaxes.
Esta terceira edición vén cunha novidade importante!
As experiencias premiadas no certame recibirán un elemento distintivo para o centro, así como diplomas para o alumnado e certificados para o equipo docente. Ademais da publicación das iniciativas e da asistencia e participación protagonista na gala de entrega de premios.
Pero ademais este 2024 o premio incorpora unha importante novidade, consistente nunha viaxe a un proxecto de cooperación internacional en Guatemala -cos gastos da viaxe pagados- para 6 docentes (2 de cada centro gañador).
Animamos a todos os docentes e centros galegos que desenvolven experiencias educativas nesta liña a participar.
ACCEDE ÁS BASES AQUÍ!