Intercambiar saberes para transformar a intervención social. Por Irene Otero
Nos últimos meses tiven a oportunidade de participar nun proceso que amosa unha das potencialidades da Cooperación Internacional: a creación de pontes entre realidades aparentemente moi afastadas, pero unidas por desafíos comúns. No marco do meu Traballo de Fin de Mestrado, e co apoio das becas PCR da Universidade de A Coruña, puiden ser parte dun intercambio de saberes entre a entidade lucense Aliad Ultreia e a organización guatemalteca Mujeres Mayas Kaqla.
Aliad Ultreia leva anos acompañando a persoas en situación de vulnerabilidade. A súa experiencia no ámbito das drogodependencias levouna, a raíz do caso Carioca en 2010, a ampliar o seu traballo cara ao acompañamento de mulleres vítimas de trata e explotación sexual. Hoxe desenvolve unha intervención especializada con mulleres migrantes en coordinación coa administración e outras entidades sociais.

Pola súa banda, Mujeres Mayas Kaqla é unha entidade formada por mulleres maias que se dedican á sanación para a “Plenitude de Vida” de colectivos diversos que comparten experiencias marcadas por diferentes formas de violencia e exclusión. Centrando o seu traballo nas mulleres, levan xa décadas desenvolvendo metodoloxías varias, que, atravesadas pola súa cosmovisión, aplican tanto nelas mesmas como coas persoas coas que traballan.
Nun intercambio de saberes promovido por Solidariedade Internacional de Galicia, Aliad Ultreia e Mujeres Mayas Kaqla descubriron que, malia partir de contextos profundamente diferentes, compartían preguntas, retos e inquedanzas nas que se podían axudar e complementar.

Aliad Ultreia, inmersa nun proceso de revisión metodolóxica na área de muller, interesouse pola forma na que Kaqla aborda a sanación dos traumas e das tramas históricas. Pola súa banda, Mujeres Mayas Kaqla atopou na experiencia de Aliad unha referencia para afrontar unha problemática cada vez máis urxente en Guatemala: as adiccións, especialmente o alcolismo.
Este encontro non xurdiu por casualidade. Solidariedade Internacional de Galicia volveu facer aquilo que mellor sabe facer: conectar persoas, organizacións e saberes para que poidan construír aprendizaxes compartidas. Actuando como facilitadora dun proceso no que o protagonismo pertenceu ás entidades, creou os espazos, os tempos e as condicións necesarias para que o intercambio, realizado dende unha aposta horizontal, bidireccional e decolonial, puidese florecer.
Na sistematización desta experiencia puiden comprobar como o intercambio non só transformaba as metodoloxías das entidades, senón tamén os espazos de reflexión compartida que ían xurdindo ao longo do proceso. Nun mundo interconectado no que os problemas atravesan fronteras, os saberes que buscan transformalos tamén deberían facelo. Máis alá da transferencia de coñecementos, procesos coma este amosan que a cooperación internacional tamén pode ser un exercicio de ecoloxía de saberes, onde diferentes formas de comprender e intervir sobre a realidade dialogan sen que unhas se sitúen por riba doutras.

