Aquí e Acolá o Xusto; Lugo co Comercio Xusto
O pasado 23 de maio estivemos na cidade de Lugo realizando distintas actividades que se enmarcan dentro do proxecto Aquí e Acolá o Xusto; Lugo co Comercio Xusto, financiado polo Concello de Lugo dentro da convocatoria pública para a adxudicación de subvencións a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD) para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento e proxectos de sensibilización social en Lugo no exercicio económico 2023.
Primeiro tivo lugar a Sesión de “Cine na Rúa” no que proxectamos a curtametraxe “Os pousos do café: unha historia de amizade e comercio xusto”, unha produción de Solidariedade Internacional de Galicia estreada en maio do ano 2023 no que se achega o Comercio Xusto dende a óptica dos cambios que produce nas vidas das persoas, especialmente mulleres, produtoras dun produto tan representativo desde movemento coma é o café. A curtametraxe proxectouse durante 3 horas de 17.00 a 20.00h na Praza Anxo Fernández Gómez. Acompañando o visionado cunha degustación de café de Comercio Xusto.
Esa mesma tarde, as nosas compañeiras Alba e Lara realizaron unha Cata de cacao de Comercio Xusto en Bico de Grao. Unha actividade que ten por obxectivo contribuír ao coñecemento do Comercio Xusto a través dunha cata a cegas de distintas variedades de chocolates. As persoas asistentes mergulláronse no proceso de elaboración do chocolate, desde a árbore do cacao ata o produto final, explicando cada parte do proceso con especial fincapé nos modelos de produción abusivos e a proposta de Comercio Xusto coma alternativa. A actividade incluíu unha degustación de distintos tipos de chocolate de Comercio Xusto, para poder aprender a distinguir e apreciar as súas variedades e os seus diferentes aromas e matices.
Foi unha xornada ben interesante onde houbo espazo para falar e reflexionar sobre o Comercio Xusto, un movemento social que vai mais alá do económico. Un movemento social que denuncia, reivindica e actúa.