Mapa de experiencias de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global en centros educativos de Galicia

0 Comentario
4926 Vistas

Dende o ano 2013 ata a actualidade, Solidariedade Internacional de Galicia (SIG) e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), colaboramos en proxectos de investigación en Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (EPDCG)[1], financiados pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. 

Ao longo destes anos, nos primeiros cinco proxectos compartidos (do 2013 ao 2018), constatamos o positivo impacto das iniciativas de EPDCG nas percepcións de profesorado e alumnado sobre as problemáticas sociais relacionadas coa xustiza social; así como o interese e compromiso de moitos centros e docentes por esta cuestión, promovendo iniciativas de gran interese, xa sexa de maneira individual ou colaborativa con entidades sociais. Pero tamén se evidenciou un descoñecemento de moitas destas iniciativas, así como o sentimento de soidade e falta de apoio percibido por quen as desenvolven. Ao mesmo tempo, revelouse a necesidade de contar con espazos para coñecer, cuestionar, reflexionar e avanzar conxuntamente na superación dun enfoque reducionista e testemuñal da EPDCG, que aínda segue a ser moi estendido no sistema educativo. 

En base a esta realidade,os dous últimos proxectos emprendidos, Investigando no territorio para coñecer e recoñecer os centros educativos que traballan Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global en Galicia (2018/2019 Fase I e 2019/2020 Fase II), diríxense a un dobre obxectivo: (re)coñecer as experiencias que están tendo lugar nas escolas galegas e, á vez, promover a reflexión sobre o sentido e a práctica da EPDCG orientada á mellora da mesma. 

Decidimos empregar a cartografía social como metodoloxía de investigación-acción para dar resposta a ambos obxectivos, pois permite mapear as experiencias de forma participativa e dialóxica á vez que se constrúe coñecemento conxunto, un relato compartido sobre o territorio, neste caso, sobre o sentido e o estado da EDPCG nas escolas galegas, cunha actitude problematizadora permanente. 

 Ilustración de Roberto Suárez Brandariz

O instrumento deseñado para o mapeo foi a sala cartográfica, desenvolvida de forma presencial con profesorado e entidades que axudaron na súa construción e validación. Desenvolvéronse dúas salas cartográficas presenciais (marzo e novembro de 2019), nas que compartimos experiencias (45 en total), debatemos sobre o tipo de información a recoller e a forma de facelo, e reflexionamos sobre a EPDCG, cuestionando a propia práctica. 

Foi na primeira sala cartográfica cando xurdiu a idea de dixitalizar as experiencias compartidas. Despois dun ano de traballo, acompañado polo Grupo de Visualización Avanzada e Cartografía (Cartolab), materializouse nunha aplicación informática que veu a luz en setembro do 2020. Con esta aplicación preténdese non só visibilizar e difundir as experiencias xa cartografadas, senón tamén favorecer a recollida de novas iniciativas, e, por que non, favorecer a extensión dunha EPDCG de última xeración (do que se amosan exemplos que serven de referente) e mesmo posibilitar o tecido de redes de colaboración entre centros e entidades.   

A construción da propia ferramenta dixital respondeu tamén a un proceso participativo no que, a través dun grupo de discusión, docentes e axentes de entidades, xunto co equipo de investigación, tomamos decisións sobre que e como representar a información, de forma que fose realmente útil para os obxectivos propostos. 

Nestes momentos o mapa presenta as 45 experiencias recollidas nas dúas salas cartográficas desenvolvidas de forma presencial. É, polo tanto, un mapa colectivo, construído colaborativamente, que amosa o noso relato, con contido relevante para a comunidade educativa, pois é decidido por ela. 

Trátase dunha pequena mostra do que se fai na nosa comunidade autónoma no marco da EPDCG nas escolas; sabemos que hai moito máis e queremos visibilizalo. É, polo tanto, un mapa temporal, aberto e dinámico, en construción e actualización permanente, que permitirá coñecer o presente (sempre vivo) e debuxar posibilidades futuras de actuación. Por iso queremos convidarvos a utilizalo como fonte de recursos, pero tamén animarvos a que incorporedes as vosas propias experiencias de EPDCG. 

Presentamos a continuación o mapa e aplicación dixital, respondendo a dúas preguntas: a que información podo acceder sobre as experiencias de EPDCG en centros escolares de Galicia? E como compartir a miña experiencia? 

  • Que información amosa o mapa? 

O mapa está accesible na seguinte ligazón. A primeira vista, o mapa xeolocaliza experiencias (marca de posición), emprazadas nos centros educativos (círculo verde) nos que se desenvolve e as entidades que colaboran (cadrado laranxa). Tres tipos de información organizada en tres capas (que se poden activar ou desactivar). 

A icona das experiencias, permite identificar a temática principal da iniciativa (cor), o carácter interdisciplinar (forma), e multinivel (contido). Ao premer en cada unha das experiencias, pódese acceder a máis información sobre a mesma, organizada en tres bloques: no primeiro coñecemos o título da experiencia, un resumo e imaxe asociada á mesma; nun segundo apartado podemos acceder aos datos básicos da experiencia (centros nos que se realizou, con ligazón aos mesmos; entidades que participaron e ligazón; por quen foi promovida; en que etapas educativas se desenvolveu; que áreas, materias ou módulos están implicadas; que duración tivo; en que tempo escolar se levou a cabo; o número total de alumnado e profesorado implicado; se tivo financiamento e cal foi o orzamento empregado); e, no terceiro bloque, caracterízanse os trazos da acción educativa de EPDCG (obxectivos, dimensións, temáticas, formato, metodoloxías e materiais empregados). 

Sen nos interesa información dun bloque específico, podemos transitar dunha experiencia, sen que se peche o cadro de diálogo, amosando así os datos das iniciativas que indiquemos. 

Centros e experiencias están relacionados. Como se pode observar na imaxe anterior, se marcamos unha experiencia que se desenvolveu en varios centros, estes actívanse na visualización do mapa (aparecendo destacados en amarelo). 

Tamén podemos obter información dos centros escolares e das entidades, ben premendo sobre a icona correspondente (círculo verde ou cadrado laranxa), ben desde as ligazóns na información das experiencias. 

Unha funcionalidade interesante da aplicación é que permite filtrar as experiencias segundo o que nos interese. Por exemplo, somos docentes de infantil e queremos coñecer as experiencias que se fixeron nesta etapa; ou impartimos docencia en matemáticas e gustaríanos ter referentes nesta materia; ou interésannos aquelas experiencias de carácter interdisciplinar; ou que duraran só un día (pois non contamos con máis tempo); ou que implicaran a todo o centro educativo; ou as desenvolvidas por x entidade; ou iniciativas de sensibilización; ou cun formato determinado… As posibilidades son múltiples, como se pode comprobar, e pensamos que isto incrementa tamén a súa utilidade. Quizais sirva para animar a desenvolver iniciativas propias por primeira vez, pois teremos referentes; quen sabe se para mellorar a propia práctica, ao coñecer outras experiencias significativas… 

  • Como podo compartir a miña experiencia de EPDCG? 

Contamos con vídeos tutoriais para facilitar este traballo. Neste ligazón atoparás a información xeral pero, ademáis, se formas parte dun centro educativo preme aquí e se pertences a unha entidade social faino aquí.

En calquera caso é moi sinxelo, só hai que premer nas pestanas “Participa no mapa” e “Introducir experiencia”, e seguir as indicacións. O primeiro, é inscribir o centro onde se desenvolve a experiencia (se sodes docentes) ou a entidade social na que traballades. Unha vez inscritos facilitarase unha clave para acceder ao formulario no que introducir os datos da experiencia. Este formulario está organizado en tres seccións, que se corresponden cos tres apartados nos que se visualiza a información de cada experiencia no mapa: 

  • Na primeira sección solicítase unicamente o nome e un breve resumo e imaxe da experiencia como “carta de presentación”. Para facer accesible a información, solicitamos tamén que se envíe a transcrición en audio do resumo, pero é opcional.  
  • Na segunda, recádanse datos básicos da experiencia (quen a promoveu, onde se desenvolveu, cando, en que etapa/s, en que materia/s, persoas e entidades implicadas…). 
  • Na última sección, haberá que concretar os trazos esenciais respecto aos obxectivos, temáticas de EPDCG traballadas, metodoloxías e recursos. Destacar a relevancia desta última cuestión, pois na medida en que compartamos os materiais empregados nas nosas experiencias, iremos construíndo un repositorio de recursos de interese para promover novas iniciativas. 

O formulario presenta as respostas categorizadas (algunhas inclúen a funcionalidade de autocumprimentar), co fin de unificar a recollida de información e permitir a busca por filtros, pero tamén conta cun apartado para realizar observacións ou completar a información. Outro aspecto a destacar é que permite cumprimentar un único formulario para experiencias desenvolvidas en varios centros (de interese para as entidades), iso si, os datos achegados referiranse ao conxunto de experiencias (exemplo: número total de alumnado e profesorado). 

A ferramenta dixital presentada, o mapa de experiencias de EPDCG en centros escolares galegos, sen dúbida cobra máis relevancia en tempos de pandemia por Covid-19, ante a dificultade de compartir espazos e tempos presenciais. Sen embargo, non queremos renunciar a este tipo de encontros e perder as vantaxes que ofrece a celebración presencial das salas cartográficas, no que respecta á promoción de procesos dialóxicos de reflexión e análise conxunta. A nosa intención é seguir compartindo espazos (presenciais ou virtuais) para un exercicio colectivo de coñecemento, representación e problematización da realidade, dende a participación e o compromiso. Entendemos que só así é posible iniciar procesos de transformación social, cos que impulsar o traballo en educación para o desenvolvemento e a cidadanía global nas escolas. 

Este é o impacto que agardamos conseguir, ofrecer unha panorámica global das accións que se están a levar a cabo nos centros educativos, para comezar a crear redes de apoio e colaboración que impulsen proxectos comúns. 

Se queres máis información podes contactar con nós a través do correo electrónico mapaepdcg@solidaridadgalicia.org 


[1] Entendemos EPDCG como o  tratamento global das desigualdades e a posta en valor da diversidade, encamiñado a xerar conciencias críticas e construír unha nova sociedade civil comprometida coa solidariedade, entendida esta como corresponsabilidade. 


20 anos de Comercio Xusto en Ourense

E quixemos festexalo! Son máis de 20 anos os que...

Construindo voluntariado

Un encontro con Evelyn Ramirez Evelyn Ramírez, representante da asociación...

Deja tu comentario

  Acepto la política de privacidad

Información sobre protección de datos

  • Responsable: Solidaridad Internacional Galicia
  • Fin del tratamiento: Controlar el spam, gestión de comentarios
  • Legitimación: Tu consentimiento
  • Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal.
  • Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido.
  • Contacto: direccion@solidaridadgalicia.org.
  • Información adicional: Más información en nuestra política de privacidad.