Mobilización e traballo en rede

Participación e mobilización social en Solidariedade Internacional de Galicia.

A nosa entidade caracterízase pola promoción de valores, actitudes e habilidades solidarias, que poñan no centro a vida e ás persoas por encima de calquera outro interese. Nisto nos enfocamos tanto cando miramos para dentro da propia entidade como para o que acontece fora, que non ao marxe, da mesma.

No mirar cara dentro, observámonos como unha organización horizontal, plural e aberta á participación de todas as persoas que forman parte da nosa historia. Pero fomentar a participación interna da entidade non é algo doado, pois implica prestar unha coidadosa atención a cada persoa e ás súas necesidades particulares para que ao fin todos e todas podamos sentirnos partícipes do rumbo que esta nave colectiva vai tomando a cada paso. Que todos e todas teñamos voz, sexamos escoitados/as e tidos/as en conta require un esforzo esixente e un prestar oídos e dedicar tempos que ás veces poden darnos a sensación de que navegamos lentos. En Soli cremos que a velocidade é secundaria sempre e cando todos e todas saibamos cara onde nos diriximos e na mesma medida nos sintamos cómodos/as na viaxe. É poñer o foco de atención non so na finalidade senón nos procesos que nos levan a acadar ese propósito.

mobilizacion-e-traballo-en-rede-1

Pero acadar unha meta tan ambiciosa como xerar cambios positivos nas persoas e nas comunidades de acá e de acolá, debe contar innegociablemente coa sociedade, pois somos parte indisoluble da mesma, polo que o movemento ten que ser necesariamente algo colectivo.

Unha organización por si mesma, non pode cambiar o mundo queréndoo facer sola. Isto é unha evidencia. Por iso é fundamental mirar cara fora, observar o que acontece máis alá das nosas fronteiras invisibles, ver con quen ou quenes compartimos visión, misión ou valores, en definitiva con que outras persoas e entidades temos unha liña de pensamento e sentires comúns. Partindo deste punto común é como traballamos o aspecto da participación cidadá e a mobilización social. Por iso nos embarcamos en accións ou proxectos con outras organizacións de diverso tipo (universidades, ONGD, asociacións, empresas, concellos, escolas, redes, etc.), sumándonos a máis xente para facer cousas máis grandes, transcendendo así os límites da nosa organización aportando as nosas capacidades a causas de máis envergadura. Isto faise evidente por exemplo na necesidade de realizar transformacións moito máis políticas para que as mesmas acompañen os procesos de cambio social, pois é unha responsabilidade colectiva que a política estea ao servizo da cidadanía e do ben común.

mobilizacion-e-traballo-en-rede-2

Cando sumamos entre moitos/as, as posibilidades multiplícanse, por iso para a nosa entidade é tan importante a participación, a mobilización social, as alianzas e o traballo en rede, xa que nos fai mellores como profesionais, como persoas, como organización e porque nos permite chegar a cotas que serían imposibles doutros modos. Tamén porque cremos que a individualidade é unha fantasía fabricada por parte dun sistema inxusto per se e aínda que entendemos que os cambios só poden comezar en nos mesmos sempre implican e tocan ás outras persoas que nos rodean de múltiples maneiras. Intentamos que as consecuencias dos nosos actos afecten positivamente aos demais e ao mundo e se non poden afectar de xeito positivo, pois que alo menos non supoñan un perxuizo para outros/as.

Ademais de participar e mobilizarnos nos mesmas tanto cara dentro como cara fora, un dos piares que nos move é avivar a participación da cidadanía na vida pública. Contar cunha cidadanía activa e implicada é un síntoma dunha vida con consciencia e conciencia social. Conciencia polo coñecemento moral do que está ben e do que está mal e consciencia pola capacidade do ser humano para percibir a realidade e recoñecerse nela. Ao final, todos/as formamos parte dun todo, e nos soñamos cun todo máis respetuoso e amable.