MULLERES RURAIS E PARTICIPACIÓN COMUNITARIA NO SALVADOR
A Asociación Salvadoreña de Ayuda Humanitaria PRO-VIDA, é unha das organizacións socias de SIG no Salvador que traballa para mellorar as condicións de vida da poboación máis vulnerable do país. Naceu en 1984, en plena guerra civil do Salvador, fundada por persoal médico e sanitario con convicción de atención e de dar resposta humanitaria a comunidades afectadas pola guerra e co obxectivo de contribuír á construción colectiva de xustiza social.
39 anos despois, PRO-VIDA ten presenza en 42 municipios dos 14 departamentos do país e traballa, principalmente, en 4 programas: promoción da saúde integral, xestión de riscos e resiliencia ao cambio climático, desenvolvemento territorial e fortalecemento institucional e de organizacións comunitarias. Actualmente é amplamente recoñecida pola súa loita pola defensa do auga e a súa participación en diferentes redes de articulación como o Foro da Auga.
Piar importante do seu traballo, é o impulso da participación social das mulleres e o fortalecemento dos seus liderados e autonomía para que sexan elas tamén protagonistas dos cambios sociais.
Neste marco traballamos durante o ano 2023, grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, en Chalatenango, unha das zonas históricas de actuación de PRO-VIDA, ao norte da capital do país, tradicionalmente esquecida e relegada. En concreto, traballouse no municipio de San Francisco Morazán, xunto á Asociación municipal de Mujeres por la Paz, la Libertad, La Justicia y la Igualdad (ASMUPAZ), no fortalecemento da asociación, fomentando a participación das mulleres do municipio nela, mellorando as súas capacidades de liderado e comunicación e apoiando a elaboración do seu plan estratéxico e operativo.
Ademais, fomentouse a produción, consumo e venda de alimentos agroecolóxicos co fin de mellorar a dieta das familias do municipio e xerar ingresos e autonomía económica para as mulleres.