UN NOVO EQUIPO DIRECTIVO AO FRONTE DA ENTIDADE
O pasado 11 de marzo celebramos a Asemblea Anual de Solidariedade Internacional de Galicia. Unha xornada na que puidemos analizar todo o traballo realizado no 2022 nas áreas de Cooperación Internacional, Educación para a Cidadanía Global e Comercio Xusto.
Tamén foi o momento de presentar as contas da entidade dun ano no que xestionamos fondos por un valor total de 760.150 € dos cales o 88 % tiveron procedencia pública.
E, sobre todo, foi o día no que demos descanso a un equipo directivo que, durante case 8 anos, liderou con perseveranza e compromiso esta entidade que xa está preto de cumprir 30 anos.
Tras unha calurosa despedida chegou o nomeamento das persoas que asumirán o relevo e que, por unanimidade, foron elixidas para enfrontar unha nova etapa. Un novo equipo no que a xuventude, a experiencia e a pluralidade comparten un espazo para exercer a participación nunha organización que aspira a mellorar o seu carácter democrático e aberto.
A nova xunta directiva estará liderada por Rubén Gil, quen asumiu o reto de presidir á entidade e ao que acompañarán Lara Blanco en calidade de vicepresidenta, Mirem Blanco coma secretaria, Gonzalo Gesto coma tesoureiro e Laura Cruz, Ana López, María Caride e María Paz coma vogais.
Grazas infinitas a todas as persoas que asumen cargos de responsabilidade nas entidades sociais!