O Comercio Xusto no estado español 2023
156,2 millóns de euros foi a facturación obtida polo Comercio Xusto en España durante 2023, o que supón un crecemento de 10 millóns de euros, un 7% máis respecto ao ano anterior. Tras o parón que supuxo a pandemia, período no que o ritmo de crecemento moderouse, no último exercicio o sector recuperou forza. A Coordinadora Estatal de Comercio Xusto (CECJ) publicou os datos máis significativos deste movemento da Economía Social.
«As tendas especializadas continúan sendo un espazo crave para manter o compromiso social e ético que define este movemento».
Desde 2020, a facturación de Comercio Xusto no noso país non deixara de crecer pero o seu ritmo estancárase, rexistrándose aumentos de entre o 0,3% e o 1%. Con todo, no último ano o sector recuperou forza cun incremento do 7%, de 10 millóns de euros máis respecto a 2022. Este crecemento produciuse grazas ao aumento dos ingresos das organizacións importadoras de Comercio Xusto así como das vendas de produtos con selo Fairtrade por parte de empresas convencionais.

“Aínda que estamos lonxe dos niveis de consumo doutros países europeos, o noso país ten por diante moito potencial de crecemento no desenvolvemento do Comercio Xusto”, explica Laura Rubio, directora da CECJ. “En Francia, a facturación de Comercio Xusto no último ano superou os 2.100 millóns de euros grazas, entre outros aspectos, ao recoñecemento legal que ten o sector. Desde a CECJ reivindicamos que a futura Lei de Economía Social incorpore tamén o Comercio Xusto”, engade L. Rubio.
Preto do 82% do consumo de produtos de Comercio Xusto produciuse nos supermercados e grandes superficies, que gañan cota de mercado respecto ao último ano. A segunda canle de distribución é a hostalería (o sector HORECA: hostalería, restauración e cátering) cun 12,7% do total. En terceiro lugar sitúase o pequeno comercio, co 5,1%. Neste grupo sitúanse as tendas especializadas de Comercio Xusto xestionadas por entidades como Solidariedade Internacional de Galicia, cuxa facturación se mantén respecto ao ano anterior en 4,5 millóns de euros.
Con todo e aínda que as vendas totais nestas tendas reflicten un peso económico limitado dentro do sector, segundo recolle o informe, a súa función é esencial. Ademais de ofrecer toda a gama de produtos de Comercio Xusto, estes establecementos fomentan a sensibilización, a educación e a conexión directa coa sociedade, permitindo aos consumidores pechar o círculo de Comercio Xusto.

Por produtos, a alimentación segue sendo a gran protagonista do Comercio Xusto, con máis do 96% das vendas. Dentro deste bloque o cacao e os doces, que xeran o 76,8% da facturación, son os máis vendidos con gran diferenza en relación ao resto. O café, produto emblemático do Comercio Xusto mantense cun 15% das vendas. O té e outras infusións así como os outros produtos de alimentación (arroz, cereais, pasta, bebidas,…) conservan o seu peso no sector.
Doutra banda, en relación aos produtos que non son alimentación, os artigos de téxtil (roupa e fogar) son os máis vendidos cun 2,7% do total. Séguenlle os complementos e a decoración. Os produtos de hixiene e cosmética natural descenden as súas vendas pero lixeiramente.
En relación ás certificacións que garanten o cumprimento dos principios do Comercio Xusto (dereitos laborais, humanos, prezos que cobren custos de produción sostible, prácticas xustas e democráticas, coidado do medio ambiente), o 95,8% das transaccións procedeu de produtos co selo Fairtrade. Unha parte (6,4%) foron distribuídos polas organizacións importadoras da CECJ, pero a gran maioría (89,4%) foi froito das vendas de empresas convencionais. O resto corresponde a produtos de Comercio Xusto con outras certificacións.
O mercado de Comercio Xusto do noso país abastécese de maneira directa de produtos procedentes de 131 cooperativas e organizacións produtoras de 46 países. Os países cos que se xera un maior volume comercial son Perú, India, Uganda, Paraguai e Guatemala.
América Latina é a rexión máis beneficiada polas compras de Comercio Xusto realizadas no noso país, seguida de África e Asia.
O cacao e o café de Comercio Xusto contan cunha procedencia moi ampla, prodúcense en 15 países diferentes. No caso do café destacan por volume comercial Uganda, Nicaragua e Guatemala, e o caso do cacao, República Dominicana, Costa do Marfil e Perú. Deste último tamén se importa a maior cantidade de azucre de cana, xunto con Paraguai, Filipinas e Ecuador. Por último, os artigos téxtiles e de artesanía proceden principalmente de Asia, e en particular, de India e de Turquía.
Podes consultar o informe completo aquí.