O Concello da Coruña apoia o labor de S.I. Galicia en Haití
O pasado 27 de xullo, María Paz Gutiérrez (Directora de SI Galicia) e Javier Losada (Alcalde da Coruña) asinaron un convenio que contribuirá a continuar o labor de reconstrución da entidade en Haití.
Segundo o devandito convenio, o Concello colaborará cunha aportación de 50.000 euros a un proxecto de cooperación na zona de Bainet, ao sueste de Haití, unha das máis afectadas polo terremoto que arrasou o país en xaneiro pasado e na que, Solidariedade Internacional de Galicia está presente dende o ano 2004.
O proxecto pretende reducir as condicións de vulnerabilidade da poboación afectada polo terremoto mediante a provisión de alimentos ás persoas en situación de refuxio ao tempo que promove o relanzamento do sector agrícola a través da protección dos recursos naturais e a prevención de riscos ante posibles catástrofes.
O proxecto realizarase coa colaboración da Asociación de Técnicos para a Promoción da Agricultura e a Protección do Medio do Sueste (ATEPASE) e pretende reforzar a capacidade de xestión das institucións e organizacións locais construíndo infraestruturas de emerxencia que potencien a actividade despois da crise. Trátase dun proxecto que combina elementos de axuda de emerxencia con traballos de reconstrución e rehabilitación da economía produtiva centrando o traballo en cuestións de seguridade alimentaria que inclúe tanto a distribución de alimentos coma a rehabilitación agrícola, gandeira e pesqueira.
Estupendo, felicidades