O dereito á vivenda e a participación comunitaria desde miradas do Norte e do Sur

0 Comentario
7673 Vistas

O dereito á vivenda, a organización comunitaria e a responsabilidade das administracións públicas foron os eixos centrais da xornada «Vivenda, exclusión social e participación cidadá: o papel dos municipios como garantes de dereitos«, celebrada a semana pasada en Santiago de Compostela.

O evento reuniu a organizacións sociais, representantes municipais e liderados comunitarios de Galicia e de Jocotán (Guatemala) para compartir experiencias, recoñecer desafíos comúns e explorar aprendizaxes que contribúan á defensa do dereito a unha vivenda digna desde unha perspectiva Norte-Sur.

A xornada congregou ás nosas entidades aliadas nesta iniciativa, como a ONG Solidadidad para el desarrollo y la paz (SODEPAZ) e a Asociación para el Mejoramiento Habitacional de Guatemala (MEJORHA), xunto con representantes do municipio e das comunidades de Jocotán. Así mesmo, o diálogo contou coa participación dun amplo grupo de expertos procedentes do Concello de Ames, Hábitat Social, Provivienda, EAPN Galicia, o Sindicato de Vivenda de Compostela, e Etxekonak Bat, así coma representantes invitados da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Coordinadora Galega de ONGD.


Aínda que as realidades sociais, económicas e culturais de Galicia e Jocotán son distintas, o intercambio permitiu visibilizar preocupacións compartidas ao redor do acceso a un fogar e á organización colectiva. Como resumiu Ángel Berna, de MEJORHA ao falar de «situacións diferentes, realidades similares e loitas compartidas». Non se trata de considerar equivalentes as experiencias de ambos os territorios, senón de poñelas en relación para atopar aprendizaxes mutuas. Nesta mesma liña, compañeiras do Sindicato de Vivenda de Compostela destacaron os paralelismos posibles a miles de quilómetros de distancia e expuxeron tamén a necesidade de revisar a mirada cara a América Latina, afastándoa de enfoques coloniais.


Unha das ideas que emerxeu con máis forza foi a necesidade de construír respostas desde as propias comunidades, como sinalou a representante de Provivienda, «é fundamental deixar de pensar as respostas unicamente ‘de arriba cara abaixo’ e avanzar cara a formas de traballo ‘de abaixo cara arriba’, onde as persoas poidan participar na definición das solucións que afectan as súas vidas». Esta reflexión conectou coas achegas de EAPN Galicia sobre a urxencia de recuperar o traballo comunitario, así como coa intervención do Concello de Ames, que lembrou que, fronte ao individualismo, a solución pasa pola comunidade. Os retos para as administracións e o terceiro sector non consisten só en escoitar as necesidades da poboación, senón en recoñecer a súa capacidade para organizarse, tomar decisións e participar. Isto non substitúe a responsabilidade das institucións públicas, pero si esixe articulala coas iniciativas que xorden desde os territorios.


Durante a xornada tamén se reflexionou sobre a idea do «uso fronte a tenencia», cuestionando que dispoñer dun título de propiedade deba ser o fin único, para poñer o foco no dereito para desfrutar dun fogar e na obriga pública de responder a quen non conseguen acceder a el. Nesta liña, as experiencias compartidas por Etxekonak Bat (Navarra) e Hábitat Social (Galicia) mostraron o valor das fórmulas cooperativas e as formas colectivas de habitar, mentres que o Sindicato de Vivenda de Compostela reafirmou a importancia da organización popular e de soster a esixencia de dereitos desde a rúa.


Outro dos puntos de encontro foi a necesidade de construír redes duradeiras entre organizacións con obxectivos comúns. Para abordar os retos de soster este traballo no tempo sen caer no desánimo, desde EAPN Galicia recuperouse a idea compartida pola delegación Guatemalteca da «vacina contra a frustración», a importancia do traballo continuado, de compartir boas prácticas e de facer visibles os logros e avances que se dan no proceso.


Máis que ofrecer respostas pechadas, o encontro permitiu poñer en común preguntas, propostas e metodoloxías que alimentarán o traballo futuro das entidades participantes. A vivenda reafírmase así non só como unha cuestión material, senón como un dereito fundamental que require políticas públicas valentes, participación activa e unha sólida organización colectiva para fortalecer as redes e construír respostas adaptadas á realidade de cada territorio.

Esta iniciativa foi posible grazas ao financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.


Decolonizar para transformar: xornadas sobre os programas universitarios de Cooperación Internacional

O grupo de investigación ECIGAL (Educación para a Cidadanía Global)...

Conversando con Haydée Castillo: cando as historias se conectan

O pasado martes, 3 de novembro, recibimos na nosa Tenda...

Deja tu comentario

  Acepto la política de privacidad

Información sobre protección de datos

  • Responsable: Solidaridad Internacional Galicia
  • Fin del tratamiento: Controlar el spam, gestión de comentarios
  • Legitimación: Tu consentimiento
  • Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal.
  • Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido.
  • Contacto: direccion@solidaridadgalicia.org.
  • Información adicional: Más información en nuestra política de privacidad.