O IMPORTANTE É PARTICIPAR. POR INÉS MERAYO
A USC acolle a exposición «O importante é participar», un traballo impulsado pola alumna Inés Merayo en colaboración coa Asemblea de Estudantes de Educación Social e o estudantado da Facultade de Ciencias da Educación no marco de O Globo. Esta exposición fotográfica, que percorre as protestas estudantís compostelás desde a chegada da democracia ata os nosos días, é froito do curso de participación homónimo que foi desenvolvido co estudantado de Pedagoxía e Educación Social no mes de febreiro. A través desta formación, as integrantes do curso investigaron a realidade actual da participación na súa facultade, así como as ideas e prexuízos existentes arredor da mesma. A raíz desta breve investigación xermolaron dúas teimas no grupo. A primeira foi a falta de referentes para o estudantado en materia de protesta e reclamación de dereitos debido, por unha banda, a unha comunidade universitaria cada vez menos unida e interxeracional e, pola outra banda, á ruptura xeracional provocada pola pandemia e a consecuente atomización social. En segundo lugar, nas integrantes do curso creceu a preocupación polo descoñecemento xeral da capacidade de axencia e transformación social que ten a cidadanía e o estudantado nos seus respectivos ámbitos.

Así, en resposta ás cuestións anteriores, organizamos unha exposición fotográfica para animar á participación estudantil a través de experiencias exemplarizantes da historia democrática da USC. Este espazo inaugurouse o día 23 de marzo de 2023, ás 11:30, grazas á financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, cunha vista guiada dirixida polas participantes do curso, na que estivo presente parte do profesorado, do estudantado e mesmo a decana da Facultade, cun total de 15 persoas. Nela, puidemos reflexionar sobre a evolución das demandas estudantís ao longo dos tempos e compartir as nosas propias formas de participación. Por último, expuxéronse as principais vías de participación que existen na Universidade e fóra dela para implicarnos como estudantes, pero tamén como veciñas dos nosos barrios.

Nos días seguintes organizáronse visitas guiadas dirixidas ao alumnado de diferentes materias dos graos de Pedagoxía e Educación Social e a exposición quedará aberta ao público ata fin de curso no horario da facultade (8:30h-20h) baixo a Biblioteca de Ciencias da Educación e Psicoloxía.