OS POUSOS DO CAFÉ. Unha estrea que conspira pola felicidade.
En Levantade, carpinteiros, a viga do tellado, o protagonista Seymour Glass escribe no seu diario que ten a sensación que a xente conspira ás súas costas para facelo feliz.
O pasado venres 12 de maio, na praza de abastos de Pontevedra, foi presentada a última conspiración da nosa ONGD, o documental «Os pousos do café».
Ao igual que Holden Caulfield noutra das novelas de J.D. Salinger, O Vixía no Centeo, SIG tamén saíu da súa zona de confort, cada vez máis extensa, e rebelouse unha vez máis contra os estereotipos da Cooperación ao Desenvolvemento, promovendo agora a creación dunha obra cinematográfica. Na Boa Vila máis dun cento de persoas gozaron da emoción dunha historia de amizade e de xustiza social, co Comercio Xusto como fío condutor.
O acto encamiñouno a nosa Directora María Paz, e contou coas intervencións do novo Presidente Rubén Gil e da Responsable de Comercio Xusto Zaida Calvo. O mercado encheuse de sentimento coas experiencias contadas dos creadores da obra Óscar Dacosta e Verónica Couto (Agareso), de Claudia Jiménez (Coordinadora Latinoamericana de Comercio Xusto), e da co-protagonista Ana María Gutiérrez (Cooperativa ATAISI – O Salvador).
Cando anos atrás, nunhas condicións moito máis precarias e dificultosas -segundo relata o Documental-, a nosa protagonista apañaba graos de café dende os primeiros raios do día, aínda non sabía que unha chea de xente unida xa estaba conspirando con ela por unha vida digna na súa e noutras comunidades. Con Ana María, con Paula Molina -compañeira no filme-, e con todas as que seguen recollendo grao a grao, seguiremos programando novas proxeccións en festivais, en prazas de concellos, e alá onde haxa unha parede de solidariedade sobre a que estampar a nosa conspiración.