Ourense acolle a III Xornada sobre Protección e Defensoría de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos
O campus de Ourense da Universidade de Vigo acolleu o pasado martes 28 de abril a III Xornada Galega sobre Protección e Defensoría de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos, unha iniciativa impulsada polo alumnado de Traballo Social que reuniu a especialistas e estudantes interesados en coñecer a realidade de quen defende dereitos en contextos de risco. Un espazo necesario para afrontar unha realidade incómoda: defender dereitos segue custando vidas.

A xornada contou coa participación de María Paz, directora de Solidariedade Internacional de Galicia, quen contextualizou a situación global das persoas defensoras de dereitos humanos. Paz recordou que en 2024, 342 persoas foron asasinadas por exercer esta labor, especialmente en América Latina, unha das rexións máis perigosas para a defensa de dereitos. Mais a violencia non sempre deixa cifras mortais: ameazas, criminalización ou vixilancia forman parte dun patrón sistemático que procura silenciar a quen cuestiona o poder.
Durante a súa intervención, púxose o foco no impacto diferenciado que sofren as mulleres defensoras, que enfrontan non só violencia política, senón tamén agresións específicas por razón de xénero. Neste sentido, salientouse a importancia de incorporar unha mirada feminista á protección dos dereitos humanos.

A xornada continuou co testemuño de Lucía Lagunes Huerta, xornalista mexicana acollida actualmente no programa Barcelona Protege a Periodistas de México (PAT-P) coordinado por la Taula per Mexic. Lagunes compartiu a súa experiencia como muller feminista, xornalista e defensora nun contexto marcado pola impunidade (da que sinalou que “é a porta aberta á repetición”) e a violencia, onde informar sobre feminicidios, desaparicións ou corrupción implica asumir riscos constantes. A súa intervención permitiu visibilizar realidades vixentes actualmente en México, como as desaparicións forzadas ou a persecución a xornalistas.
Fronte a este escenario, iniciativas como Galicia Abriga, presentada na xornada ao alumnado de Traballo Social, cobran todo o seu sentido. O programa, impulsado por Solidariedade Internacional de Galicia e financiado pola Xunta de Galicia, ofrece acollida temporal a defensoras en risco, xerando espazos de protección, descanso e reconstrución de redes.

Dende Solidariedade Internacional de Galicia queremos agradecer o trabao do alumnado implicado que o fixo posible.

