PRESENTACIÓN PÚBLICA

O pasado venres 6 de marzo, tivo lugar o acto de presentación pública do noso libro “La Educación para el Desarrollo y la Ciudadanía Global. Una experiencia de investigación-acción participativa».
Como moitos e moitas sabedes, trátase dun libro financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia, no marco dos proxectos de investigación que levamos anos desenvolvendo coa Universidade da Coruña.
O acto celebrouse na libraría Berbiriana, en A Coruña, ás 19:00h, e contamos cun público numeroso e moi entregado. As tres entidades principais estivemos representadas na mesa, a través de Ana Lampón, de SI Galicia, quen fixo unha reflexión a modo de historia sobre como este equipo chegou a publicar un libro, Renée DePalma, investigadora e Profesora Doutora da Universidade da Coruña e coordinadora do libro, quen falou do seu contido, adentrándonos xa nas páxinas do mesmo, e Mª Camino Pereiro, mestra e directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, quen aportou a perspectiva do seu centro educativo, xa que no mesmo se narra a experiencia piloto que alí desenvolvemos.
Como este é un libro colectivo, que escribimos 27 autoras entre SI Galicia, profesoras da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, profesorado do CIP Plurilingüe Virxe da Cela e profesoras colaboradoras de outros centros educativos, ademais das representantes na mesa, contamos co acompañamento das autoras: Begoña Bas, Patricia Carballal, Cristina Naya, Araceli Serantes, Rosa Méndez, Patricia Digón, Cristina Pérez, Mar R. Romero, África López, Bea Cuesta, Verónica Dopico, María Caride, María Paz. E desculparon a súa ausencia nesta presentación: Ánxela Bugallo, Silvana Longueira, Beatriz Páramo, Lucía Abarrategui, Zaida Calvo, Iria Sobrino, Yolanda Castro, Helena Zapico, Vanessa Pazos, Loli Cotelo e José Luis Iglesias.
Ademais das coautoras, tamén nos acompañaron outras amigas e amigos da Universidade da Coruña, de centros educativos, doutras organizacións, da propia SI Galicia e por suposto moitos familiares tamén.
Foi un día de xuntanza e celebración, no que compartimos os nosos sentires e inquedanzas profesionais e persoais e serviu para seguir fortalecendo os vínculos deste equipo humano que entre todas e todos armamos. Foi unha xornada especial, desas que quedan na lembranza e das que esperamos repetir moitas máis.
Moitas grazas a todas as persoas que estivéchedes.
