PROTAGONISTAS DA REALIDADE SOCIAL HONDUREÑA
Para Solidariedade Internacional de Galicia, as visitas do Sur e ao Sur constitúen un exercicio de recoñecemento mutuo que nos permite avanzar cara a defensa e a promoción dos dereitos humanos e cara a protección do medio ambiente dende unha perspectiva glocal.
Por isto, e grazas ao Plan Proxecta “Activistas polo mundo que queremos”, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordeación Universitaria, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e desenvolto por Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), contamos nesta ocasión con dúas mulleres que chegaron para transmitirlle en primeira persoa ao alumnado dos centros educativos participantes o importante papel que desenvolven á hora de mudar a realidade social na que lles tocou vivir, marcada entre outros aspectos pola incesante explotación dos recursos naturais e mineiros, así como por un alto grao de vulneración de Dereitos Humanos, en especial dos das mulleres.

Tivemos, así, a oportunidade de coñecer a Jaira Maribel Castillo Vasquez, unha moza indíxena Lenca, que se define como feminista e defensora dos dereitos das mulleres, da terra e do territorio. Esta traxectoria como defensora dos bens comúns levouna a ser a coordinadora xeral da “Conducción Política de la Coordinadora Ambiental Indígena Lenca y Campesina de La Paz”. Tamén é técnica de Igualdade de Oportunidades na CONAPOA-SEDESOL (Secretaría de Desenvolvemento Social do Goberno da República).
Por outra banda, estivo tamén connosco María Esther Ayala Escalante, muller, feminista e defensora de Dereitos Humanos. É educadora no programa de Construción de Cidadanía das mulleres, no seo do “Centro de Derechos de Mujeres” (CDM), tratando de promover a cidadanía plena das mulleres mediante a xeración de liderados transformadores, construción do poder colectivo e fortalecemento organizativo de redes e organización locais de mulleres.
Durante a súa estadía en Galicia, alén das visitas aos centros educativos, puidemos desfrutar de espazos de encontro e intercambio de saberes con elas. Un destes espazos tivo lugar o pasado xoves, 13 de abril ás 18:30 na Tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia en Pontevedra (Galerías Oliva, local 13).