Acceso á atención primaria, máis imprescindible que nunca.

Dende Solidariedade Internacional de Galicia, entendemos que é difícil xerar procesos de desenvolvemento mediante feitos illado e puntuais e que son necesarias intervencións a longo prazo, sempre, coa iniciativa e implicación das poboacións beneficiarias. É por iso que continuamos a apoiar á organización guatemalteca MejorHa e o seu Plan de Acompañamento a 10 anos (2015-2025) para o desenvolvemento integral de 11 comunidades indíxenas mayas Ch’orti’ da Rexión VIII de Jocotán, no departamento de Chiquimula. Este plan, froito dun diagnóstico participativo coas comunidades, realizouse co obxectivo de orientar o traballo de acompañamento e empezar a responder xunto ás comunidades ás necesidades máis prioritarias e sentidas.

O municipio de Jocotán é un dos máis pobres da rexión Ch’orti’ e de Guatemala. Atópase no Corredor Seco, unha rexión en proceso de desertización polo impacto do cambio climático, con altas temperaturas, longas secas que se agravan cos anos, choivas copiosas e chans degradados. Un dos problemas que presenta a rexión VIII é a insuficiente cobertura sanitaria cun Centro de Saúde que se atopa a 12 km, un Centro de Converxencia de Saúde que atende a 6 comunidades e o Centro Comunitario de Saúde de Guayabillas, que brinda cobertura a outras 5 comunidades. Este último centro, sofre outro dos problemas que presenta a rexión, a falta de electrificación e de subministración de auga.

É por iso que, debido á situación de pandemia por COVID-19 que estamos a vivir en todo o mundo, esta vez, as prioridades centráronse en mellorar a atención primaria destas 5 comunidades da Rexión VIII de Jocotán. Grazas ao financiamento do Concello de Lugo, vaise equipar o Centro Comunitario de Saúde de Guayabillas cun sistema fotovoltaico para a xeración de electricidade, unha bomba de auga para garantir a subministración e diverso equipamento para facilitar o traballo do persoal de saúde e para evitar a propagación do Covid-19 na rexión.

Preténdese así, contribuír á vixencia plena do dereito á saúde destas comunidades, fortalecendo as instalacións de institucións públicas para que estean en capacidade de asumir con éxito os compromisos que lle corresponden.