Axuda Humanitaria no Corredor Seco
O Corredor Seco centroamericano, zona que se estende desde o sur de México ata Panamá, é unha das rexións do mundo máis vulnerables ao cambio climático. A súa exposición a prolongadas secas e recorrentes choivas torrenciais, que afectan directamente á produción agrícola, agravada polas consecuencias socieconómicas da pandemia por COVID-19, levou a que organismos como a FAO realizase un chamamento urxente de asistencia sinalando que gran parte da poboación no Corredor Seco atópase ao borde da fame negra.
Os países que máis preocupan son Guatemala, Honduras e O Salvador, países nos que Solidariedade Internacional de Galicia tivo presenza histórica e nos que estamos a traballar actualmente apoiando os procesos de desenvolvemento que impulsan as nosas organizacións locais socias. Para facer fronte a esta situación de emerxencia, desde SIG, estamos a apostar por complementar os procesos de desenvolvemento con actuacións de acción humanitaria que axuden a mitigar o risco de inseguridade alimentaria na rexión.
É por iso que este ano nos iniciamos no ámbito da acción humanitaria apoiando o traballo de emerxencia que realiza a nosa organización socia hondureña, Sur en Acción, en San Marcos de Colón, un dos municipios hondureños que se atopa en situación de emerxencia alimentaria.
Nos próximos meses, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, atenderanse as necesidades alimentarias básicas de 300 familias con paquetes alimenticios e formación en boas prácticas máis resilientes fronte á situación de crise e fortaleceranse as capacidades dos organismos municipais e locais de emerxencia. Ademais, melloraranse as condicións de bioseguridade fronte ao COVID-19 das comunidades e o centro de saúde e das escolas da zona para asegurar o retorno seguro ás aulas.
Estas accións complementan o traballo xa iniciado na zona no 2020, que pretende mellorar a saúde integral e a seguridade alimentaria das comunidades do municipio.