Conciencias por un futuro máis limpo e saudable

Dende o pasado ano, Solidariedade Internacional de Galicia, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, está a apoiar o traballo que realiza a “Asociación Salvadoreña Promotora de la  Salud – ASPS” para mellorar as condicións ambientais en 3 municipios do departamento de  Morazán, en El Salvador.

A problemática ambiental é un asunto de gran importancia no país, debido, entre outros factores, a unha insalubridade ambiental xeneralizada e unha escasa cultura de responsabilidade e cumprimento ambiental. Existe un gran problema respecto á recolección de refugallos sólidos, sobre todo na área rural, onde os residuos non son convenientemente dispostos nin colleitados, xerando esas condicións de  insalubridade que afectan de maneira  multidimensional á poboación  salvadoreña.

Xestión residuos El Salvador

Este proxecto ten como obxectivo conseguir a xestión integral, sostible e equitativa dos refugallos sólidos, traballando coas institucións públicas, a comunidade, e coa poboación nova e adoptando, tanto na identificación como no deseño e a execución, un enfoque de xénero. Coas 3 Municipalidades, está a traballarse no fortalecemento das súas capacidades políticas e técnicas e na construción de centros de provisión para o depósito de refugallos sólidos, a mellora do recheo sanitario e na adecuación dos vehículos de recolección. Coa poboación beneficiaria están a levarse a cabo actividades de educación e sensibilización no adecuado manexo de refugallos, promovendo a corresponsabilidade de acción tanto municipal como comunitaria. Ademais, están a desenvolverse actividades con mozas de 3 centros escolares e de organizacións xuvenís para que impulsen a toma de acción fronte á problemática xerada polo cambio climático.

Preténdese así favorecer unhas mellores condicións de salubridade e crear conciencia para que entre todos e todas, podamos construír un mundo máis limpo e ter un medio ambiente máis san.