CONTOS DO MUNDO

CONTOS DO MUNDO é unha iniciativa de educación multicultural que promociona valores coma o respecto e a solidariedade entre nenas e nenos de 6 a 10 anos.

Componse dunha colección de libros infantís nos que Irene, a súa  protagonista e filla de cooperantes, quere amosar a través de contos e  lendas populares os distintos países que ten a sorte de visitar polo traballo dos seus pais.

A través da labor pedagóxica do conto infantil e do teatro queremos achegar á infancia a vida, valores e cultura das persoas daqueles países e rexións onde Solidariedade Internacional de Galicia ten presencia a través de accións de Cooperación Internacional.

Ata agora editáronse cinco libros infantís no marco desta colección, recompilando contos tradicionais de América Central, o Sáhara Occidental, a rexión andina, Senegal e Oriente Próximo. 

Todo o traballo realizado no marco desta campaña conta cun importante recoñecemento tanto por parte do profesorado dos centros traballados, coma doutras entidades públicas e privadas coma deputacións, concellos, bibliotecas, ludotecas, centros cívicos,etc… que nos leva a continuar desenvolvendo esta labor con tanta ou máis ilusión cada vez.

A Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global é un instrumento que promove o cambio tanto a nivel individual como social. Debe ser un proceso transformador que leve os alumnos e as alumnas á comprensión dos diversos elementos e estruturas que inflúen nas súas vidas. Por iso temos que desenvolver estratexias, habilidades e técnicas para participar de forma responsable no desenvolvemento da súa realidade e influír nesa realidade. 

Descarga os contos: