Educación, piar fundamental para un desenvolvemento integral.
O pasado mes de maio, grazas ao financiamento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, comezamos un novo proxecto en Guatemala que, do mesmo xeito que os últimos, apoia o traballo das nosas compañeiras e compañeiros de MejorHa e o seu Plan de Acompañamento a 10 anos coas comunidades da Rexión VIII de Jocotán, municipio de Chiquimula, para o seu desenvolvemento integral.
Nun ano onde máis de 114 millóns de nenos e nenas en Latinoamérica e o Caribe estiveron sen clases e onde se estima que máis de 5,2 millóns de menores abandonaron as aulas, viuse necesario que os esforzos se centren, esta vez, na educación, favorecendo o acceso á educación media en dúas comunidades da rexión.
A inexistencia de infraestrutura, electricidade e persoal docente na zona, así como as dificultades técnicas e económicas para desprazarse ata o único instituto que hai na cabeceira municipal, situado a 12 quilómetros das comunidades, xunto a outros factores como o apoio a actividades agrícolas ou do fogar ou embarazos temperáns, fai que máis do 50% do alumnado graduado de Primaria non continúe os seus estudos, interrompendo así o seu proceso formativo e limitando as súas oportunidades para romper coa transmisión interxeracional da pobreza.
Durante estes próximos meses, por unha banda, construirase, de maneira participativa e con materiais ecolóxicos, a infraestrutura educativa adecuada e necesaria, xunto cun sistema fotovoltaico que proporcione enerxía eléctrica e un equipo audiovisual. Doutra banda, promoverase un proceso de educación a través dun convenio co Instituto Guatemalteco de Escolas Radiofónicas, avalado polo Ministerio de Educación.
Deste xeito, o alumnado que finalice primaria, terá a oportunidade de seguir formándose, elemento fundamental para garantir o desenvolvemento integral da rexión.