Escola de participación
Dende o ano 2018, e co acompañamento da cooperativa Cidadanía, dende Solidariedade Internacional de Galicia vimos traballando no proxecto “Construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora”, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia, dentro do marco do programa Horizonte 2030. Unha iniciativa que centra os seus esforzos na promoción da participación como exercicio pleno da Cidadanía Global.
A participación cidadá é un tema relevante e de constante actualidade debido á crecente desafección política e ao distanciamento cada vez maior entre os políticos e a cidadanía. A participación é un concepto intimamente ligado á idea de democracia, e non exercela supón riscos importantes para a sociedade (actividades negativas ou extremistas, falta de representación política, aumento das diferenzas sociais, etc.).
Fronte a estes problemas, diferentes autores apuntan á necesidade de fomentar a participación coma un instrumento de combate á desafección democrática (Dalton, 2004) ; coma unha oportunidade para contrarrestar a crise do capital social (Putnam, 2002); coma vía de mellora da eficiencia e a equidade das políticas públicas (Stoker, 2000; Goss, 2001; Kooiman, 2003; Fung, 2004; Wainwright, 2005); como resposta á complexidade dos entornos e á incapacidade de procesar novas demandas e conflitos emerxentes (Prats, 2005; Pineda, 2005a; Alguacil, 2006; Wagenaar, 2007; Brugué, 2009 y 2009b; Parés, 2009); como resposta á crisis de lexitimidade da democracia representativa (Norris, 1999; Phar y Putnam, 2000; Mouffe, 2003); coma instrumento para mobilizar a novos sectores sociais (Font et al. 2011) e, incluso como estratexia de empoderamento político dos sectores sociais máis desfavorecidos (Abers, 2001; Nylen, 2002; Smith et al., 2007).
Con todo, nos últimos anos temos impulsado un fondo proceso que se iniciou nunha formación específica en participación da que participou o conxunto da entidade e un grupo de centros educativos galegos implicados en distintas iniciativas da entidade. Este traballo continúa hoxe coa busca de novas fórmulas, espazos e habilidades que permitan desenvolver a participación tanto ao interno coma ao externo da entidade.
Por sorte, aínda non rematou: seguiremos traballando nun proceso que xa comezou a dar os seus froitos.