Feminismo en Nicaragua hoxe; a defensa dos dereitos humanos

Despois de case dúas décadas de traballo de cooperación internacional en Nueva Segovia, Nicaragua, da man do Instituto de Liderazgo Las Segovias, a partires de abril de 2018 iniciouse unha crise socio política neste país que, actualmente, tradúcese en centos de persoas asasinadas ou feridas, detencións arbitrarias e miles de nicaraguanos desprazados forzosamente.

Neste contexto, os ataques contra defensores e defensoras de dereitos humanos e as súas organizacións aumentaron de maneira dramática. Segundo recolle a Iniciativa Mesoamericana de mulleres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras) no seu rexistro das agresións cara elas, entre abril de 2018  xaneiro de 2019 foron rexistradas en Nicaragua máis de 400 agresións a máis de 300 defensoras e activistas a nivel nacional. Estas agresións inclúen actos en contra das organizacións das que son parte, tales coma o retiro da personería xurídica, incursións ilegais, destrución e roubo de información e equipos, conxelamento de contas bancarias das organizacións e individuais, campañas de desprestixio, vixilancia e persecución.

Entre elas e moi vencellado ao traballo nos últimos anos de Solidariedade Internacional de Galicia, ao Instituto de Liderazgo Las Segovias (ILLS), foi ilegalizado e a súa directora, Haydee Castillo, foi detida de maneira arbitraria.

Ante esta situación que afronta o país, e dende o ilegalizado ILLS e institucións afíns no país, fáisenos un chamamento as ONGD en Europa para colaborar na labor de visibilizar, denunciar e buscar apoios internacionais que impidan a deriva autoritaria e de vulneración de DDHH imperante no país exerzan como medida de presión para lograr un cambio cara a democratización do país.

Así, dende Solidariedade Internacional de Galicia, en colaboración con outras entidades como Solidariedade Galega, Sólida y SOS Nicaragua, e tamén de particulares nicaraguanos exiliados como consecuencia do conflito, iniciamos unha campaña que se concretou na busca de posicionamentos institucionais por parte dos gobernos autonómico e locais, e a posta en marcha de diferentes propostas de sensibilización social que teñen como finalidade achegar unha comprensión crítica da actual situación das mulleres defensoras de dereitos humanos en Nicaragua.

A fotografía, o teatro, o cine e a música forman parte desta iniciativa que xa nos levou ao Concello de A Coruña e que, nos vindeiros meses, terá presencia en novos concellos galegos.