Formación en cidadanía global
Un dos traballos que máis nos gusta facer en Solidariedade Internacional de Galicia é a formación. Esta supón ao mesmo tempo unha motivación pero tamén un reto continuo para satisfacer as expectativas das persoas ás que nos diriximos.
No departamento de Educación somos varias educadoras sociais, e polo noso perfil profesional así como pola bagaxe acumulada que nos dan os anos de experiencia, estamos especializadas en desenvolver cursos e formacións sobre Educación para a Cidadanía Global dirixidos a distintos tipos de axentes educativos: profesorado, alumnado, voluntariado, asociacións e outras entidades públicas e privadas que desexan coñecer unha ferramenta pedagóxica práctica e útil para abordar problemáticas do mundo actual dende unha perspectiva educativa.
Para todos estes axentes, implicados dun modo ou outro no campo da educación, é fundamental contar con instrumentos e mecanismos que lles permitan afrontar este tipo de desafíos presentes nunha sociedade cada vez máis globalizadas.
No caso específico do profesorado, eles e elas teñen nas súas mans a posibilidade de influír en moreas de rapaces e rapazas ao longo da súa vida, polo que o valor que ten o profesorado na sociedade é incalculable. Empregando a xerga máis moderna, podemos denominalos como os/as “influencers” das aulas.
Por todo isto, para a nosa organización, sempre foron axentes chave na loita pola transformación social. O profesorado, xunto co resto de axentes educativos son un forte aliado no noso traballo pola súa capacidade de réplica e multiplicación no pulo dos valores, coñecementos e habilidades que propón a Educación para a Cidadanía Global. Por iso tamén é motivador para nos ser quen de formalos/as, de ilusionalos/as, de transformalos/as, de enchelos/as de esperanza, de facelos/as sabedores/as da súa capacidade de transformación dende a súa vida cotiá e o seu rol laboral.
En Solidariedade Internacional de Galicia poñemos moito empeño, esforzo e profesionalidade en desenvolver formacións de calidade que sexan verdadeiramente útiles, aplicables e prácticas. Por iso as formacións que propoñemos son participativas e creativas, pois fuximos de exposicións maxistrais extensas que poden resultar moi aburridas e pouco aplicables á realidade. Para que as formacións saian o mellor posible, invertimos tempo en adaptarnos ás persoas que imos formar, entendendo sempre o obxectivo último de cada formación, máis alá da temática da mesma. Outro aspecto importante é clarificar moi ben os tempos e os contidos a abordar, así como a adaptación de estratexias metodolóxicas apropiadas a cada particularidade, pois non é o mesmo formar a alumnado, a profesorado que formar a unha administración, xa que a aplicabilidade das aprendizaxes na súa realidade cotiá van ser moi diferentes. A nosa capacidade de adaptación, a flexibilidade en tempos, contidos e metodoloxías así como a dispoñibilidade e apertura a suxerencias e intereses das persoas a fomar son tamén elementos que consideramos exitosos á hora de realizar esta labor.
Na nosa traxectoria como ONGD, temos experiencia de traballo na formación en espazos moi específicos, como por exemplo nos Centros de Formación Permanente ao Profesorado ou nas Universidades pero tamén realizamos formacións dentro dos nosos proxectos de cooperación e educación para a cidadanía global.
Moitas veces son outras entidades quenes se poñen en contacto connosco para que desenvolvamos as formacións que teñen previstas nos seus proxectos e programas.
Habitualmente o público ao que nos diriximos é ben esixente pero nestas formacións aprendemos tanto como ensinamos e encántanos esta bidireccionalidade porque nos fai crecer como profesonais e como persoas.
Recentemente vimos de construír colaborativamente, xunto con outras ONGD do sector da cooperación galega, a través da Comisión de Educación da Coordinadora Galega, un curso de Educación para a Cidadanía Global para a Consellería de Educación que será ofertado en vindeiras datas para o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) de Santiago de Compostela, no cal a nosa entidade será encargada de impartir dous módulos.
A nosa filosfía vital como organización caracterízase por una forte crenza en que se poden e se deben cambiar as realidades inxustas e desiguais, tanto nestas como noutras latitudes, e por iso abordamos co profesorado e alumando de todas as etapas educativas (infantil, primaria, secundaria, FP e Universidade) así como con outras entidades e adminstracións, formacións estruturadas dende o prisma da Educación para a cidadanía global, pois é esta unha pedagoxía transformadora que contribúe a dar resposta ás principais problemáticas da humanidade deste século, dende a responsabilidade individual e sobre todo colectiva. Nestas formacións partimos da premisa de deixar as culpabilidades fora e situarnos dende o actuar (o que podo facer eu, o que podemos facer nos).
En canto aos contidos que soemos traballar, podemos destacar a incorporación do enfoque de Dereitos Humanos, a diversidade no seu concepto máis amplo (funcional, cultural, afectivo-sexual…), o desenvolvemento Sostible (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), a interdependencia Norte-Sur (o glocal), ou o consumo crítico, responsable e consciente, entre outros.
Sabemos que hai tantas maneiras de impartir formación como persoas/entidades formadoras existen, e todas moi válidas, esta tan só é a nosa pero nos da moitas satisfaccións cando as persoas que participan delas nos fan saber que puideron aplicar no seu traballo as estratexias propostas porque conseguimos ofrecer unha maneira de levar á praxe conceptos, valores e ideas que a miúdo se observan complexos dende a súa parte teórica. Este é o reto maior, dar resposta á pregunta, pero como o fago?