Galiñas de dobre propósito

A pandemia por COVID-19 e as súas restricións supuxeron un gran impacto en todo o mundo, pero, en especial, naqueles países cuxo medio de subsistencia radica na economía informal. O Salvador, é un deses países, co 72% da súa poboación activa no sector informal e cun claro predominio de mulleres. As restricións de mercado e as acrecentadas dificultades económicas, puxeron en relevo a vulnerabilidade en termos de seguridade alimentaria da poboación salvadoreña, incapaz de obter alimentos suficientes que permitan unha dieta nutritiva e equilibrada.

Neste contexto, a nosa asociación socia no Salvador, Asociación Salvadoreña Promotora de la Salud, segue traballando no Departamento de Morazán para impulsar medios de vida resilientes para as mulleres. Durante os próximos meses e grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, preténdese fortalecer a seguridade alimentaria das mulleres do municipio de San Fernando, mediante procesos formativos de produción ecolóxica e a instalación de iniciativas produtivas individuais de crianza de galiñas cun  dobre propósito, a mellora da súa alimentación e a das súas familias e a comercialización en mercados locais do excedente de ovos e carne que  contribúa á súa independencia económica. Doutra banda, traballarase tamén  na corresponsabilidade entre homes e mulleres en temas de seguridade alimentaria e tarefas de coidado.

A continuación podedes coñecer a algunha das mulleres participantes desta iniciativa.