Poñendo luz aos dereitos

Nun intento de concentrar xeograficamente o noso traballo en cooperación, pero tamén, polo noso gran agarimo á zona tras 14 proxectos no país, este ano volvemos a Guatemala, apoiando o extenso traballo realizado por MEJORHA na mellora do hábitat.

Este proxecto, financiado pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo a promoción do exercicio efectivo do dereito a enerxía alcanzable, segura e sostible para a poboación indíxena Ch’orti’ do municipio de Jocotán en Chiquimula, mediante o acceso de 80 familias e una escola pública a enerxía eléctrica a través de sistemas fotovoltaicos.

A contraparte local, “Asociación para el Mejoramiento Habitacional de Guatemala – MEJORHA”, leva 18 anos traballando para contribuir á mellora da calidade de vida da poboación e as súas condicións de habitabilidade, principalmente daquela en situación de precariedade. Desde o 2016, está a traballar na electrificación rural de Jocotán con sistemas fotovoltaicos, obtendo resultados moi positivos grazas á implicación da poboación que, ademais de cofinanciar os proxectos, a pesar das súas dificultades económicas, encárgase do futuro mantemento e reparación dos sistemas tras a formación de técnicas e técnicos comunitarios en electricidade. Ademais, tamén traballan o fortalecemento das capacidades organizativas, técnicas e políticas das organizacións comunitarias para incidir ante autoridades municipais e esixir aos e ás titulares de obrigacións a vixencia do dereito á enerxía e a unha vivenda digna.

A falta de electricidade nas casas trae consigo múltiples problemas. Un deles é o uso de lámpadas de queroseno, que supón para as familias un risco para a saúde, debido á inhalación dos seus vapores, e un risco de incendio. Ademais, tamén dificulta a lectura, polo que os e as nenas escolarizadas non poden estudar axeitadamente, prexudicando a súa visión e o seu desempeño escolar. Outra consecuencia, é o uso de baterías, que ademais de constituír un gasto considerable para a economía familiar deriva na contaminación do medio ambiente, ao ser refugadas en condicións desaxeitadas. Tamén, causa maior inseguridade debido á escuridade e a non dispoñer de corrente para poder cargar os móbiles e poder utilizalos en caso de emerxencia.

No caso dos centros educativos, a falta de enerxía eléctrica condiciona os horarios de uso das escolas e restrinxe a posibilidade de facer uso de recursos electrónicos, impedindo a mellora do proceso de ensino e aprendizaxe.

Por tanto, grazas a este proxecto, non só trabállase para garantir o dereito a unha vivenda adecuada, senón tamén o dereito á educación, á saúde, á comunicación, ao medio ambiente e a unha contorna segura.