O bosque, a alimentación e a saúde
Desde o ano 2018, Solidariedade Internacional de Galicia, a través do financiamento do Concello de Santiago, está apoiando a organizacións guatemaltecas no desenvolvemento de proxectos comunitarios na poboación indíxena maia Mam de Concepción Chiquirichapa, no departamento de Quetzaltenango, Guatemala.
Os proxectos levados a cabo ata agora estiveron concibidos como reforzo e profundización do proceso impulsado por Sementa e ANGUADE, as contrapartes locais, para promover a vixencia do dereito á saúde e a un medioambiente saudable, con participación comunitaria de mulleres e homes, fortalecendo as capacidades institucionais e en coordinación co Centro de Saúde e organizacións da Sociedade Civil que traballan polo desenvolvemento do municipio.
No que concirne ao dereito á saúde, trabállase especialmente no referido ás deficientes condicións de habitabilidade da poboación comunitaria e aos seus ineficaces hábitos de hixiene, que se traducen na proliferación de vectores e na prevalencia de enfermidades infecciosas. No proxecto desenvolvido no 2018, melloráronse as condicións de salubridade e hábitos hixiénicos de familias priorizadas de varias comunidades do municipio a través do ordenamento dos seus patios e a estabulación e vacinación de animais domésticos e de patio, capacitando sobre hixiene persoal, familiar e do fogar e formando e acompañando a promotores/as comunitarios/as de Saúde que continúan multiplicando os seus coñecementos e monitorean a adecuada aplicación das novas aprendizaxes.
En relación co dereito a un medio ambiente saudable, viuse como este está ameazado polo uso e abuso de insumos agroquímicos, a contaminación de fontes de auga, o inadecuado tratamento de desechos sólidos e a perda de chans cultivables. Así pois, traballouse para fortalecer as capacidades comunitarias para a implementación de novas prácticas de agricultura sostenible e conservación do medio ambiente, a través da produción local de insumos agroecológicos e a conservación de chans, e formando e acompañando tamén a promotores/as agropecuarios/as. Este último ano dotouse a 100 familias de 4 comunidades de hortos de traspatio para a produción diversificada de verduras, hortalizas e árbores fúrtalles para autoconsumo e capacitouse a unha muller de cada familia para a produción agroecológica de alimentos. Ademais, estanse instalando hortos escolares en dúas escolas, equipados para producir variedades de verduras e hortalizas para autoconsumo e capacitando ao seu persoal docente e alumnado en novos coñecementos para a produción agroecológica e a conservación ambiental.
Respecto ao fortalecemento das capacidades da municipalidade para a promoción e implementación de novas prácticas de agricultura sostenible e conservación do medio ambiente, instalouse un sistema de rego por aspersión no Viveiro Municipal co obxectivo de que poida producir e entregar árbores para a reforestación, así como árbores frutais, verduras e hortalizas para autoconsumo. Tamén se están fortalecendo as capacidades técnicas do persoal municipal e das súas dependencias como do Departamento de Áreas Protexidas e Medio Ambiente (DAPMA) e a Oficina Municipal Agropecuaria (OMA), os cales serán responsables de asumir o manexo do Viverio Municipal e levar adiante o proceso de implementación de semilleiros de diferentes verduras e hortalizas, así como de árbores frutais, para que ademais de cultivar árbores para reforestación, poidan contribuír a que o viveiro proporcione de forma sostenible insumos para a seguridade e soberanía alimentaria.