O noso libro

Un fito importante para a nosa organización nos últimos tempos é a publicación do noso primeiro libro. Si ben é certo que temos publicado anteriormente unha colección de libros infantís que abordan a temática da interculturalidade, “Contos do Mundo”, neste caso trátase dun libro científico que se titula “La educación para el desarrollo y la ciudadanía global. Una experiencia de investigación-acción participativa”.

Este libro é froito dun traballo no campo da investigación en Educación para a Cidadanía Global que a nosa entidade leva realizando dende o 2013 xunto con, e grazas a, varias compañeiras profesoras da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, coas cales conformamos un equipo de investigación multidisciplinar.

Logo de 7 proxectos de investigación conxuntos coa UDC, dispoñíamos xa de datos e bagaxe suficiente para acometer unha viaxe tan emocionante como é a de escribir un libro. Asemade, contamos tamén coa dose de ilusión, motivación, e gañas que se precisan para asumir esta tarefa pero queremos destacar que tamén o fixemos como un acto de responsabilidade, pois para nos é unha maneira máis de devolver á sociedade parte do que recibimos dela.

Este libro o escribimos entre 27 persoas como un proxecto colaborativo, no que están presentes tres institucións (Solidariedade Internacional de Galicia, a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e o CPI Virxe da Cela de Monfero) así como outras profesoras de Educación Secundaria de diversos centros educativos galegos con experiencia de traballo en Educación para a Cidadanía Global.

Foi un traballo laborioso, coas dificultades que supón coordinar a tantas persoas de idiosincrasias tan diversas, por iso nos gustaría agradecer a todas e cada unha delas o seu esforzo, traballo e entusiasmo para facer este soño posible. Tamén nos gustaría facer especial mención a Renée DePalma, profesora da UDC e persoa responsable de facer esta labor de coordinación e revisión global dos textos.

Para quen o queira ler, podemos adiantar que  se vai a atopar con 15 capítulos que abordan cuestións como a conceptualización, xénese e evolución da Educación para o Desenvolvemento  a niveis teóricos, un resumo das principais achegas das nosas investigacións, un repaso sobre o estado actual da Educación para o Desenvolvemento en Galicia, España e Reino Unido, unha serie de reflexións sobre os retos a futuro pero que tamén narra unha experiencia real da posta en práctica da integración curricular da Cidadanía Global nun colexio do rural galego.

Por todos estes elementos consideramos que é un libro que pode arroxar claridade fundamentalmente a aquelas persoas que están imbuídas no eido educativo e no sector da cooperación galega, sobre todo pode ser moi útil ao profesorado que queira traballar dende esta perspectiva dunha educación máis transformadora.

Podedes atopar o libro en algúns portais e librerías especializadas. Aquí vos deixamos tamén o enlace directo á publicación en Casa del Libro.