Sobre o noso traballo nas aulas
En Solidariedade Internacional de Galicia traballamos na loita pola erradicación da pobreza a través dos proxectos de cooperación que desenvolvemos en terreo, proxectos que abordan o dereito á soberanía alimentaria e o medioambiente para a poboación indíxena Mam en Guatemala, o fortalecemento do sistema sanitario e ambiental en Honduras, o empoderamento e fortalecemento da xuventude e das mulleres vítimas de violencia en Nicaragua, a eliminación e tratamento de residuos sólidos no Salvador… son claros exemplos de iniciativas que levamos a cabo nestes últimos anos, pero… esta ben recordar que esta non é a única vía de traballo de SI Galicia para contribuír á erradicación da pobreza, xa que a sensibilización e a educación son as vías que empregamos na nosa comunidade autónoma para facelo, xunto coa promoción do comercio xusto e solidario.
Esta forma pedagóxica de loita contra a pobreza é, quizais, máis descoñecida e invisible para o conxunto da sociedade pero constitúe para a nosa entidade unha ferramenta imprescindible moi axeitada e útil para contribuír a un mundo máis xusto e equitativo para as persoas que vivimos nel. Pois sabemos que por moitas melloras que consigamos en terreo, si nesta parte máis privilexiada do mundo non mudamos certos valores, actitudes e sobre todo comportamentos seguiremos a perpetuar modelos sociais desiguais e inxustos.
Por iso, a nosa organización esfórzase cada ano en realizar un traballo socioeducativo conxunto con profesorado e alumnado en centros de ensino de Galicia. Traballamos con eses profesores e profesoras que creen na educación como instrumento de transformación social e invadimos as súas aulas, con ideas e actividades, que contribúen a axudarlles nesta labor.
Que vivimos nunha sociedade globalizada e interrelacionada non é nada novo, pero debemos e necesitamos seguir recordándoo cada día, cada quen na súa pequena parcela de vida. No caso de Solidariedade Internacional de Galicia, a través de todas aquelas iniciativas que, en palabras de Paulo Freire, nos permiten “ler a realidade” para crear cidadanía curiosa, que se sorprenda polo que ocorre, que sexa quen de facerse preguntas como unha actitude ante a vida, que coñeza as causas e as consecuencias das situacións que a rodean, que coñeza que hai alternativas, en definitiva entendendo a solidariedade como unha forma de ser e estar no mundo. Esta última frase é o que move o traballo que a nosa organización realiza no eido da sensibilización e a educación.
Para achegarvos un exemplo deste traballo, queremos presentarvos unha desas iniciativas que levamos a cabo cun grupo de profesorado e alumnado, que máis alá de traballar nos aspectos instrumentais da educación, que saben necesarios, creen que teñen a labor de aportar tamén, xunto co resto de axentes educativos, aspectos ético-sociais para a promoción dunhas xeracións presentes e futuras conscientes, activas e participativas na loita pola transformación social.
No proxecto O MUNDO QUE QUEREMOS, falamos varias linguas con distintos acentos e compartimos realidades en diferentes contextos. Por iso sacamos as cámaras e afiamos os lapis e as voces, para contar as historias que se agochan nos nosos pequenos mundos.
Nesta iniciativa, afondamos nas desigualdades sociais existentes e nas causas que as perpetúan, con especial atención á realidade dos países empobrecidos nos que traballa a cooperación galega. Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son a temática condutora da proposta e a comunicación comunitaria, a ferramenta metodolóxica das accións a desenvolver. A idea fundamental que trascende o proxecto é promover entre o alumnado e o profesorado a reflexión sobre a conexión existente entre as realidades locais e globais, concienciando e implicando ás novas xeracións na responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis humano e habitable.
Para levar acadar este obxectivo tan ambicioso, neste caso SI Galicia non traballa sola, senón que o facemos colaborativamente con outras socias e amigas de aquí e de alá: AGARESO, ACPP, Educo, Cen Tolas (organizacións galegas) e dende outras partes do planeta como O Salvador, contamos con APROCSAL e Radio Tehuacan, MUDHA dende República Dominicana, Radio Catió dende Guinnea Bissau, todas formamos parte desta fantástica iniciativa que comezou hai seis anos.
Mentres coñecemos quenes serán os centros educativos que nos acompañen nesta viaxe durante o curso 2019/2020, invitámosvos a que vos somerxades na web de O mundo que Queremos http://omundoquequeremos.org/ e así coñezades con máis detalle todas esas accións que levamos as aulas, para traballar en prol dunha cidadanía sensible co que pasa no noso mundo.