Salvados, polo comercio xusto
O pasado domingo, o programa Salvados, conducido por Jordi Evole, amosounos unha realidade que hai moito tempo vimos denunciando dende Solidariedade Internacional. Pero isto non é novo, quizais sí o feito de que unha televisión xeralista o recolla na súa programación.
Pero o que vimos é tan só a punta do iceberg, quizais a consecuencia máis dramática dun modelo de consumo que nos invita a comprar unha prenda de vestir cada 9 días, que xa está a impoñer un cambio de tempada cada 15, que non contempla ningunha outra lóxica que non sexa a de maximizar os beneficios.
O noso consumo, hoxe, nútrese de condicións laborais que atentan contra a dignidade das persoas, que promoven a “neoescravitude” de moitas sociedades en países xa empobrecidos que ven así comprometida calquera posibilidade de desenvolvemento humano sostible.
O noso consumo, hoxe, ten consecuencias medioambientais irreversibles, un exemplo claro é o ocorrido no Mar de Aral ónde, o cultivo do algodón ten acabado practicamente co que fora o cuarto lago máis grande do mundo.
O noso consumo, hoxe, favorece o mísero desmantelamento dos nosos tecidos produtivos locais e con el as oportunidades de vida de moitas persoas.
O noso consumo, hoxe, ameaza a riqueza que supón a diversidade cultural da vestimenta tradicional. A producción e comercialización masiva dos produtos textis inundan os mercados locais de todo o mundo das mesmas pezas de roupa acabando coas tradicións de uso e elaboración.
O noso consumo, hoxe, concentra os recursos nunhas poucas mans. A obscenidade da riqueza dun home fronte a miseria de millóns de persoas.
Por todo isto, dende Solidariedade Internacional rexeitamos comportamentos empresariais que afecten ao medio ambiente, ás condicións laborais e de saúde de traballadores e traballadoras, á identidade cultural, a unha xusta redistribución dos recursos.
En materia laboal, reivindicamos condicións dignas. O que é xusto para nos é xusto para todo/as e, polo tanto, deben cumprirse uns dereitos laborais mínimos, non os “seus mínimos” sino uns mínimos que permitan levar unha vida que mereza a pena ser vivida. Cumprir co SMI de cada país se este apenas cubre as necesidades básicas non é digno, os accidentes in itinere tamén son accidentes de traballo e a empresa debe por todos os medios para evitalos, un traballador debe entender o que son unhas vacacións e, por suposto ter dereito a elas…
Pedimos aos consumidores que se interesen pola procedencia das prendas. Que pregunten SEMPRE aos dependentes/as das tendas se saben onde e como se fabrican estes produtos que teñen á venda e que omitan comprar se non o ven claro.
Dende Solidariedade Internacional de Galicia, queremos aproveitar este feito para seguir insistindo na importancia das alternativas que, coma o Comercio Xusto, pretenden facer dos nosos actos de consumo, expresións de activismo polo cambio cara un modelo económico ónde, as persoas, sexan o primeiro.
Dende S.I de Galicia imos seguir traballando, dende as nosas tendas, dende as nosas palestras, dende as nosa vida cotiá…sabemos que non é fácil pero somos moitos e moitas e non podemos deixar de intentalo.