SEMENTANDO SEGURIDADE
Guatemala, como outros países da rexión, enfróntase a unha grave situación de inseguridade alimentaria, como declaran organismos como a FAO e OCHA. As condicións climatolóxicas adversas que afronta unha parte do territorio, situada no Corredor Seco, xunto ás condicións de pobreza que sofre gran parte da poboación, están a repercutir de forma directa na situación de crise e emerxencia alimentaria que fan fronte 3.9 millóns de persoas no país. Esta situación agudizouse este último ano pola subida xeneralizada dos prezos, que repercute tanto no prezo da canastra básica alimentaria, cun incremento dun 7%, como de fertilizantes e insumos agrícolas, incrementado nun 128%.
Unha das organizacións guatemaltecas que fai fronte a esta problemática é SIEMBRA, socia estratéxica desde fai anos de Solidariedade Internacional de Galicia. A Asociación Guatemalteca para el Desarrollo Comunitario Siembra, nace en 1995 polo interese dun grupo de persoas comprometidas coa poboación indíxena e en situación de pobreza de Guatemala de contribuír ao desenvolvemento integral das comunidades, a través de accións concretas que permitan a integración e participación activa da poboación en beneficio de si mesma.
Este ano, grazas ao financiamento de La Caixa e da man da nosa organización aliada, Solidaridad Internacional País Valenciano, continuamos apoiando o traballo de SIEMBRA no municipio de Uspantán, no departamento de Quiché, un dos departamentos con maior porcentaxe de poboación en situación de crise alimentaria. Durante estes meses, mellorouse a alimentación e nutrición de 5 comunidades indíxenas do municipio a través da diversificación das súas parcelas, a capacitación en prácticas de agricultura sostible e o establecemento de mercados campesiños mensuais para a comercialización e intercambio de produtos locais. Fomentáronse, ademais, novas prácticas e hábitos saudables nas comunidades mediante a instalación de pozos sumidoiros e letrinas que permitan reducir as enfermidades infecciosas.
Por último, pero non menos importante, traballouse no fortalecemento das organizacións locais para facer incidencia sobre o dereito á alimentación e seguridade alimentaria, fundamental para que se produzan cambios institucionais que permitan garantir estes dereitos a toda a poboación guatemalteca.
