Sementes de conciencia: educación ambiental nas comunidades maia Mam de Concepción Chiquirichapa
Hai xa case unha década que Solidariedade Internacional de Galicia comezou a súa andaina en Concepción Chiquirichapa, un municipio maioritariamente maia Mam, situado nas terras altas de Quetzaltenango, Guatemala. Non chegamos soas, senón da man da nosa organización socia, Siembra, presente no municipio dende o ano 2011.
Ao longo destes anos, impulsamos proxectos centrados na soberanía alimentaria, no respecto ao medioambiente, no reforzo do papel das mulleres na economía local e na promoción de sistemas alimentarios xustos e sostibles. Instaláronse hortas e galiñeiros familiares xestionados por mulleres, fortalecéronse viveiros comunitarios para garantir a sustentabilidade da produción familiar e creáronse espazos de formación en agroecoloxía, emprendemento e hábitos saudables.

No marco do último proxecto, financiado polo Concello de Santiago, nas últimas semanas, as escolas de Concepción Chiquirichapa puideron gozar de festivais ambientais. Estes festivais son concibidos como espazos únicos de aprendizaxe lúdica e creativa para o alumnado máis novo, onde a través da arte, o xogo e o humor, as nenas e nenos compartiron ideas, inquedanzas e compromisos arredor do coidado da natureza.
Ademais, na nosa aposta por unha cooperación internacional comprometida, que acompañe procesos a longo prazo e fortaleza as capacidades das institucións públicas e das organizacións da sociedade civil, estanse a impulsar espazos para a constitución dunha Coordinadora Interinstitucional que vele polos dereitos fundamentais da poboación, como a alimentación, un medioambiente san e unha vida libre de violencias.

